A Xunta de Goberno aprobará mañá o convenio de colaboración entre Benestar Social e Afundación para desenvolver o programa Cubertos de Nadal

38
  • A iniciativa solidaria permitirá repartir 120 menús diarios entre menores en situación vulnerable durante o período de Nadal. A primeira distribución de lotes realizarase o martes 22 no Café Moderno

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá o convenio de colaboración entre a Concellería de Benestar e a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) que permitirá cubrir durante as festas as necesidades de alimentación de menores en situación de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza a través do programa solidario Cubertos de Nadal. O acordo que o Concello asinará co director xerente de Afundación, Pedro Otero, daralle continuidade ao Programa de Intervención Social posto en marcha nas sete grandes cidades galegas pola Obra Social de Abanca e traducirase na distribución de 120 menús infantís diarios e kits de Nadal entre os días 22 de decembro e 7 de xaneiro, beneficiando aos nen@s do noso concello que máis o precisan (moitos deles bolseiros de comedor escolar).

O novo convenio de colaboración entre o Concello e Afundación seguirá os termos do anterior, asinado para dar resposta á realidade derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo (que fixo posible proporcionar de xeito gratuíto ata 170 menús escolares diarios a nen@s de Pontevedra este pasado verán). Así, a Concellería de Benestar Social encargarase de facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer aos menores beneficiarios, así como de colaborar no correcto desenvolvemento e execución do programa, en particular coa/s empresa/s contratadas pola entidade. Asignarase un número personalizado a cada familia, de xeito que o Concello unicamente dará a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantíndose o anonimato das persoas usuarias.

Afundación porá os kits de Nadal e menús infantís a disposición dos beneficiarios gratuitamente e efectuará os labores de vixilancia e control dos mesmos, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente. Tal e como indica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a distribución dos lotes dará comezo o martes 22 de decembro no Café Moderno Afundación, organizándose en dúas quendas de 60 beneficiarios e levándoos á casa das familias que non se podan achegar a través de Protección Civil.