O Pavillón dos Deportes acollerá en febreiro a primeira fase da Liga Nacional de Karate Infantil

81
  • A decisión foi adoptada nun encontro no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega, Óscar Lafuente, e o presidente da Española, Antonio Moreno

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá a fin de semana do 27 ao 28 de febreiro a primeira fase da Liga Nacional de Karate en categorías infantís. A decisión foi adoptada esta mesma mañá nun encontro no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente; o presidente da Federación Española da disciplina, Antonio Moreno; o seu vicepresidente, Javier Pineño, e o xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló.

Tal e como explicou Tino Fernández, a Liga Nacional “está concibida para que calquera competidor e competidora en cada unha das súas categorías poida coller experiencia en competición de carácter nacional sen ter que ser previamente seleccionad@”. “Estará composta de dúas quendas e unha gran final para a que se seleccionarán os oito primeiros clasificados do ranking que sairá dos puntos obtidos en dúas quendas clasificatorias. A competición desenvolverase en dúas xornadas, o sábado 27 pola tarde e o domingo 28 pola mañá, nas modalidades de Kumite e de Kata”, avanzou o edil socialista.

Fernández afirmou que un evento nacional destas características “supón unha gran oportunidade para Pontevedra”, se ben matizou que a competición celebrarase “por suposto sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, xa que hai que ter en conta que suporá a presenza dun importante número de deportistas participantes, árbitros e federativos, así como de acompañantes e simpatizantes procedentes das respectivas comunidades autónomas”.