O filme “Ons” de Alfonso Zarauza chega a Pontevedra da man do Concello os días 21 e 22 de decembro ás 20:00h.

12
  • A película do director galego, que non foi programada polas salas de proxección privadas da cidade, contará con dous pases no Teatro Principal de Pontevedra
  • As entradas están xa á venda anticipadada en Ataquilla.com a un prezo único de 5€. De non esgotarse, a billeteira permanecerá aberta ambos días de 18 a 19h.
  • O pase do martes 22 contará coa asistencia do propio Zarauza para a presentación do filme e coloquio posterior.

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá as proxeccións do filme Ons que terán lugar na nosa cidade os días 21 e 22 de decembro ás 20h. no Principal. Fíxoo acompañada do propio director do filme, o galego Alfonso Zarauza quen apuntou á “honra de estar en Pontevedra, que sempre me tratou ben a min e á cultura en xeral. Para nós era moi importante chegar a todas as salas de Galicia e cando se enteraron de que non estaríamos na cidade, enseguida mostraron interese e iniciaron os trámites para preparar estas proxeccións”

Fouces, que puido gozar da premier do filme no Culturgal “aínda estou sobrecollida. Estou moi ilusionada de poder traer Ons á Pontevedra. Fixémolo porque as salas privadas da cidade non a programaran e ante a ausencia que non podíamos permitir, lanzámonos a proxectala nós. Este filme é unha mostra do potencial de creación audiovisual que hai no país, dirixida por Zarauza, cun elenco de luxo: Miguel de Lira, Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Marta Lado, o pontevedrés Xulio Abonjo…”

A concelleira, antes de ceder a palabra ao director, que estará presente na proxección do martes 22, apuntou ao compromiso que o Concello ten co idioma en todas as disciplinas culturais o que “permite que na actualidade, a oferta que poñemos enriba da messa sexa tan potente. O galego ten representación en moitos ámbitos e pese a que no cinema os pasos foron máis lentos, a potencia e o relanzamento é na actualidade maior que en outros ámbitos.”  

Zarauza convidou ao público pontevedrés a gozar dun filme que “é cinema de autor pero pode gustar a moita xente, ben por estar rodado en Ons, pola vinculación coa illa, por cuestións paisaxísticas, etnográficas, lingüísticas ou pola propia trama en si. Conta dende Galicia para o mundo como é a nosa idiosincrasia. É moi importante que unha peli desta natureza estea en Cans ou en Berlín… A cultura non debe medirse exclusivamente dende un nivel material, senón como elemento espiritual: para ter un país punteiro, hai que ter unha cultura punteira”, rematou.    As entradas para os dous pases – o luns 21 e martes 22 de decembro ás 20h. no Principal – están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo único de 5€. De non esgotarse na venda anticipada as 98 prazas dispoñibles para cada pase, a billeteira estará aberta de 18 a 19h. o propio día da proxección.