A IV Xornada Xuntos Avanzamos premiará o traballo de diferentes colectivos en prol da diversidade sensorial durante a pandemia

165
  • O evento inclusivo, organizado por Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Deputación, celebrarase este sábado 12 no Pazo da Cultura e será emitido en streaming
  • O programa inclúe un concerto inclusivo de Dalmatians e charlas de expertos sobre como crear cine en lingua de signos ou ‘Sobrevivir á gramática e á poética como estudante xordo’ 

Unha mesa redonda sobre ‘O impacto da xordocegueira’, a presentación da película ‘Síndrome de Usher e hipoacusias infantís’ e un concerto do grupo Dalmatians son algunhas das actividades programadas para este sábado 12 de decembro dentro da IV Xornada de Diversidade Sensorial Xuntos Avanzamos, organizada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Deputación Provincial co gallo da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro). O evento accesible, que incluirá charlas sobre a importancia evolutiva da diversidade sensorial, a creación cinematográfica en lingua de signos ou o estudo da gramática e a poética dende o prisma dun alumno xordo, celebrarase de xeito presencial no Salón de Actos do Pazo da Cultura, cun aforo limitado a un máximo de 15 prazas por mor da Covid-19 (previa inscrición ata as 23:59 horas do venres 11 de decembro), e será emitido en directo a través de Facebook Live.

Unha das principais novidades da edición deste ano, presentada hoxe no Teatro Principal pola presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, será a entrega do I Premio Xuntos Avanzamos, que nesta estrea premiará o traballo de tres colectivos en prol de diversidade sensorial durante a pandemia. 

Segundo explicou Monterde, “este ano, no que a Covid-19 fixo unha destrución completa nos campos sanitario, da comunicación e da investigación, quixemos enfocar a Xornada no eido socio sanitario, onde hai unhas eivas moi grandes”. “Houbo moitas entidades que de xeito altruísta desenvolveron iniciativas durante esta pandemia e, por este motivo, quixemos premiar o labor dalgunhas delas”, subliñou a presidenta de Xoga.

Marcos Rey destacou o evento Xuntos Avanzamos como “un referente, non só a nivel autonómico, senón tamén nacional, ao contar con varios dos expertos máis significativos do noso país no que atinxe a diversidade sensorial”, mentres que Tino Fernández subliñou a importancia de estimular esta e outras iniciativas de colectivos como Xoga “para que continúen con este traballo tan imprescindible para favorecer a inclusión”. Pola súa banda, Olga García Ballesteros lembrou que “a defensa das políticas sociais é un dos obxectivos prioritarios da Deputación”, que está a investir e traballar para “promover unha convivencia en condicións de igualdade e dignidade” e acadar “unha cohesión efectiva en tódolos eidos da nosa sociedade”.

Charla inaugural a cargo do douto Ángel Carracedo

O programa do sábado dará comezo ás 10:00 horas cun acto de apertura que estará presidido polo concelleiro Marcos Rey, a deputada Olga García Ballesteros, a propia María Jesús Monterde e o presidente da Federación Española de Xordocegueira (Fesoce), Ricard López. A continuación, ás 10.30 horas, iniciarase un relatorio sobre ‘A importancia evolutiva da diversidade sensorial’ a cargo do doutor Ángel María Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en Xenética e membro da Real Academia Galega de Ciencias.

En torno ás 11:45 horas, Veru Rodríguez, directora da plataforma online de entretemento e formación audiovisual en lingua de signos española IDendeaf, protagonizará unha charla titulada ‘IDendeaf, creando cine en lingua de signos’, mentres que antes do xantar, ás 12.45 horas, terá lugar unha conferencia sobre como ‘Sobrevivir á gramática e á poética como estudante xordo’ na que intervirá Rubén Nogueira, director académico da Biblioteca de Signos (Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes), profesor de Ensino Secundario (Lingua Castelá e Literatura) e doutorando do programa de Estudos Lingüísticos da Universidade de Vigo.

A quenda de tarde porase en marcha ás 16:30 horas cun relatorio que subliña que ‘É necesario que as asociacións de enfermos impulsen a investigación. Os comités éticos convertéronse nun freo e nun problema’, a cargo do doutor Jorge Cameselle Teijeiro, médico do Centro de Atención Primaria de Cangas, e a presentación da película ‘Síndrome de Usher e hipoacusias infantís’. Para ás 17:30 horas está previsto o comezo dunha mesa redonda-coloquio sobre ‘O impacto da xordocegueira’, que estará moderada por Josefa Carballo Pombo e na que Nuria Ruiz (cantante do conxunto musical Dalmatians) e Sara Crespo (que estivo na India colaborando coa Fundación Vicente Ferrer) contarán de primeira man a súa experiencia de vida.

O evento pecharase ás 18:30 horas co acto de entrega do I Premio Xuntos Avanzamos, que recibirán de xeito compartido o Grupo de Illses (de intérpretes de lingua de signos española no ámbito educativo), a Federación Nacional de Implantados Cocleares (Aice) e a Federación Nacional de Xordocegueira (Fesoce), e que nesta primeira edición pretenden galardoar o traballo ‘En prol da diversidade sensorial na situación Covid-19’. Para poñerlle a guinda a esta entrega de premios da IV Xornada Xuntos Avanzamos, na que participarán María Jesús Monterde (entregará ao Grupo de Ilses), Olga García Ballesteros (a Aice) e Marcos Rey (a Fesoce), o grupo Dalmatians ofrecerá un concerto inclusivo.