O Mercado de Abastos enamora co seu fermoso decorado de Nadal e xa presume de photocall con bolas xigantes e unha árbore de seis metros

50
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anima a tódolos pontevedreses a achegarse ata o edificio da rúa Serra para sacarse as súas fotos de Nadal con este espectacular ‘attrezzo’

“Os pontevedreses que nestes días se acheguen ata o Mercado de Abastos para face-las súas compras van quedar sen dúbida tan namorados como nós do abraiante decorado que a Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers deixaron instalado e que tivo a súa guinda con este photocall con bolas de Nadal xigantes e esta árbore de seis metros de alturas ás portas da Praza Municipal”. Así de entusiasmado co ‘attrezzo’ de Nadal da Praza se amosou o tenente de alcalde, Tino Fernández, despois de inaugurar, xunto co concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, o novo photocall do que xa pode presumir o edificio da rúa Serra.

Esta espectacular decoración de Nadal é o resultado da colaboración da Concellería que dirixe a socialista Yoya Blanco con tres empresas especializadas: Global Setup, Inbloom e Oroinciensoymirra. A intervención incluíu a ornamentación das columnas da entrada principal con elementos vexetais típicos do Nadal, eucaliptos variados verdes e vermellos, abetos, cedros e ilex vermellos; a colocación de grilandas sobre estrutura de aceiro ao longo de tódolos postos de peixe (uns 14 metros de grilanda); a decoración das columnas da zona superior con elementos vexetais e uns 18 metros de grilanda; a instalación de 10 bolas de espello de 40 centímetros de diámetro, 4 bolas de espello de 30 centímetros e unha bola de espello dun metro, e a súa iluminación con 24 proxectores de luz Led.

Tamén se instalaron, colgando do teito do Mercado, unha esfera de Nadal metalizada de cor vermella dun metro de diámetro, cinco esferas metalizadas vermellas de 80 centímetros, sete de 50 centímetros, cinco de 60 centímetros e 40 bolas vermellas de 200 milímetros. No que atinxe ao photocall, está composto por dúas bolas de Nadal en PVC en cor vermella (unha bola de dous metros de diámetro e outra de 1,5) rotuladas co logotipo de O Mercado.