A piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur acolle o sábado o XV Trofeo Promesas do Lérez

100
  • O evento está organizado pola Federación Galega de Natación e o Club Natación Galaico en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e co patrocinio da Deputación Provincial

Despois de máis de ano e medio de agarda dende a súa última edición, o Trofeo Internacional Promesas do Lérez, organizado pola Federación Galega de Natación (Fegan) e o Club Natación Galaico en colaboración coa Concellería de Deportes e co patrocinio da Deputación, regresa este sábado día 5 de decembro na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur. O evento, que este ano chega á súa XV edición, contará coa participación de tres clubs (Galaico, Galaico Sincro e Vigo Rías Baixas), con nadadores e nadadoras das categorías promesas, benxamín e alevín.

Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “aínda que a pandemia e as medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias farán que a cita sexa un tanto diferente á doutros anos e que teña menos participantes, esta competición xa está consolidada como un dos mellores trofeos de España para as categorías base, polo que o Complexo Rías do Sur volverá converterse esta fin de semana en epicentro do futuro da natación do noso país”. 

Segundo explica o director deportivo do Club Natación Galaico, Diego Pérez, “a fórmula de competición é semellante á dos campionatos que estes xoves nadadores Terán que afrontar nun futuro moi próximo, con sesións eliminatorias pola mañá e finais pola tarde, nunha piscina de 50 metros, dez rúas e cronometraxe electrónico”. Para Amparo Porta, presidenta do club, “será sen dúbida, como xa aconteceu en anos anteriores, unha experiencia magnífica para nadadores e adestradores”. “É unha competición moi atractiva, xa que os pequenos ofrecen o mellor de si mesmos nun formato para maiores. Acuden cunha enorme ilusión e a desfrutan moitísimo”, subliña Porta.

Nesta ocasión, o Club Natación Galacio achegará ao Trofeo un nutrido grupo de nadadores e nadadoras das tres categorías que, como afirma a súa presidenta, “son o futuro do equipo e da natación, aos que dedicamos un esforzo moi destacado, pero que sempre nolo devolven con creces pola súa entrega e ilusión”. Porta agradece o respaldo de colaboradores e patrocinadores para que actividades como esta poidan desenvolverse mesmo nun ano tan complicado.