Concello e SD Teucro inician esta semana en varios colexios da cidade as charlas do programa ‘Saúde, alimentación e actividade física’

41
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, estará o martes no CEIP A Xunqueira I para presentar o obradoiro inaugural do proxecto, impulsado polas concellerías de Deportes e Educación

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, estará o vindeiro martes 1 de decembro no CEIP A Xunqueira I para presentar a charla inaugural do programa ‘Saúde, alimentación e actividade física’, impulsado en colaboración coa SD Teucro co obxectivo de concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de facer exercicio físico regular e levar unha dieta saudable. Para esta mesma semana, tamén están previstos obradoiros protagonizados por un monitor e por xogadores e membros do corpo técnico do club nos CEIP Vilaverde (o xoves 3) e Parada-Campañó (o venres 4). A actividade, destinada a alumnado de 3º e 4º curso de Primaria, incluirá a distribución de kits de merenda saudable para os rapaces, de folletos informativos para as familias e de guías para o profesorado.

Tal e como precisou Tino Fernández, os talleres, cos que se pretende implicar ás nenas e nenos e ás súas familias na defensa da saúde propia e colectiva, continuarán ao longo de decembro e xaneiro nos colexios Froebel, Santo André de Xeve, San José, Cabanas, San Martiño, Campolongo e Álvarez Limeses. Consciente de que unha alimentación pouco saudable e un estilo de vida sedentario son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes, de que ámbalas dúas cousas son modificables, de que estes hábitos se comezan a adquirir aos tres ou catro anos e de que se establecen a partir dos once (cunha tendencia a permanecer ao longo da vida), o socialista considera que “a infancia é, por este motivo, un período esencial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van determinar o estado de saúde do futuro adulto”.

Entre os obxectivos pedagóxicos do proxecto ‘Saúde, alimentación e actividade física’ contémplanse os de asociar a saúde coa mellora da calidade de vida, comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico, adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións e amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comportan hábitos pouco saudables (en particular os publicitarios). As charlas nos colexios terán unha duración aproximada de 50 minutos e levaranse a cabo durante o primeiro trimestre escolar en grupos/aulas de entre 20 e 25 nen@s. 

Durante a sesión entregarase a cada rapaz/a unha bolsa de tea cun kit de merenda saudable e un folleto informativo para as familias sobre alimentación e actividade deportiva. Ao finalizar o obradoiro distribuirase entre o profesorado unha guía para perfeccionar e mellorar o contido exposto na charla.