A campaña solidaria de Nadal (en)Volve xa conta con 526 cómplices dos Reis Magos e alcanza a cifra de 219 agasallos recibidos

19
  • O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e o coordinador de Meniños, Roberto Antón, salientan o feito de que “a diferencia doutros anos, o número de cómplices é superior ao de cartas”

Trala súa posta en marcha hai apenas tres semanas, a campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños, non para de espertar a solidariedade entre os pontevedreses. A iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente quede sen o seu agasallo nestas datas tan especiais, xa conta con 526 cómplices adheridos á ‘causa’ dos Reis Magos e superou a cifra dos 200 presentes recibidos, chegando aos 219.

Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a xenerosidade da cidadanía, sobre todo cando se trata de botar unha man e de debuxar un sorriso nos pequenos máis vulnerables, é tan grande que o número de cómplices supera incluso ao de cartas recibidas (polo momento, 436 misivas), cando noutros anos iamos á par”. Neste mesmo sentido, o coordinador de Meniños, Roberto Antón, salienta que “aínda que en 2019 se chegou aos 588 rapaces e neste temos confirmados ata o de agora 494, o máis chamativo é que teñamos máis xente disposta a colaborar que cartas recibidas: é bo sinal, xa que en principio significaría que o precisan menos”.

A campaña, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten como principal novidade en 2020 que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.

Todos aqueles que queiran converterse en cómplices das súas Maxestades de Oriente deberán encher un formulario que poderán descargar no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/1UHod8agNX4aKqF7ZJLKKLzaO4X3UyTPvnuoS1S7DJOY/edit. Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e tanto Marcos Rey como Roberto Antón animan aos pontevedreses a que fagan as súas compras no comercio local.

Para calquera dúbida, a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños estarán á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72.