Iván Puentes impulsa un proxecto de mellora integral que dotará dun miradoiro ao parque de Valdecorvos e renovará a rede de sendas e pasarelas do contorno

116
  • O plan da Concellería de Desenvolvemento Sostible suporá un investimento de máis de 50.000 euros e contempla a restauración de pontes e de máis de 1.000 m2 de superficie de camiños
  • O concelleiro socialista sinala que as actuacións se desenvolverán durante as vindeiras semanas e incluirán o acondicionamento das zonas verdes e o reforzamento do pavimento de xabre das sendas

Un investimento global superior aos 50.000 euros permitirá levar a cabo un proxecto de acondicionamento integral do parque de Valdecorvos e da rede de sendeiros e pasarelas existente no seu contorno. Este plan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a través do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, contempla a creación dun pequeno miradoiro e a óptima pavimentación da totalidade dos sendeiros, actuando en máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños.

As obras, que se desenvolverán durante as vindeiras semanas, incluirán a restauración e acondicionamento de pasarelas de madeira, pontes e zonas verdes existentes no contorno do maior parque da zona leste da cidade. Segundo explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “as sendas presentan problemas de arrastres de material, fochas ou colmatación nas recollidas de pluviais, polo que se destinará unha achega de máis de 20.000 euros a reforzar o pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e a repoñer arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado”. 

Os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre as diferentes zonas do parque e coa avenida de Lugo. Substituíranse os elementos en mal estado e realizarase un tratamento para mellorar a conservación de tódalas madeiras do parque. O importe destas últimas actuacións ronda os 13.000 euros.

Tal e como explica Iván Puentes, “na zona oeste do parque existe unha pequena carballeira con exemplares notables dun importante valor paisaxístico e natural, e estes carballos enmarcan unha fermosa vista cara a cidade e o río Lérez que se pretende aproveitar para xerar un pequeno miradoiro e lugar de estancia”. Asemade, o proxecto contempla unha limpeza de todo o contorno mediante tarefas de desbroce, sega e poda de arborado.

“O parque de Valdecorvos foi incrementando o seu uso por parte da cidadanía -subliña o concelleiro do PSOE- e entendemos que debe contar cuns parámetros de calidade equiparables aos do resto das zonas verdes do concello. Agardamos que, antes de que finalice o ano, estean xa moi avanzadas unhas obras necesarias, que permitirán deixar este contorno en condicións óptimas e suporán, en conxunto, un investimento de máis de 50.000 euros”.