O Goberno de Chile solicita a participación de Pontevedra no seu evento “Desafío por el clima”

5
  • A presidencia da COP25 solicitou a participación do concelleiro César Mosquera mediante unha charla gravada de 20 minutos.
  • A intervención versa sobre as políticas públicas sostibles implantadas en Pontevedra nos últimos anos e os seus efectos na Loita contra o cambio climático e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O Goberno de Chile vén de solicitar a colaboración de Pontevedra para participar no evento estatal “Desafío por el clima”, organizado no seu territorio da man do FIIS (Festival Internacional de Innovación Social) e o Ministerio de Medio Ambiente chileno. Este evento vén auspiciado pola Unión Europea (UE) e polo común interese de ambas administracións en torno ao cambio climático e seguindo a axenda cidadá da COP25 (Cumio do clima) camiño da COP26.

A organización quixo contar coa presencia do concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade e vicepresidente da Deputación, César Mosquera ao considerar a Pontevedra como un referente ao que mirar para establecer espazos de diálogo e participación cidadá orientados a promover a educación climática, a acción polo clima, e sentar as bases para o desenvolvemento de políticas territoriais que involucren á cidadanía coa axenda e as ambicións climáticas do país.

A intervención de Mosquera, mediante unha charla gravada de 20 min está centrada nas políticas adoptadas nos últimos 20 anos na cidade, conducidas á devolución dos espazos públicos á xente, limitando o tráfico –mediante peonalización e/ou con medidas destinadas á redución da velocidade dos vehículos– priorizando sempre ao peón, fomentando os desprazamentos a pé e xerando o que actualmente se coñece como Efecto PO2.

Esta intervención será difundida a través de plataformas dixitais en Chile no marco de eventos pensados para todas as rexións, provincias e comunas do país, involucrando á cidadanía coa axenda climática de Chile.

O Efecto PO2

O descenso das emisións de CO2 nun 67%; a redución do número de coches que circulan actualmente pola cidade, que se sitúa en 7.000 fronte aos 80.000 de 1999; ou a limitación da velocidade a 30km/h no perímetro da cidade e a 10km/h nas rúas de plataforma única; , a accesibilidade universal e o incremento dos desprazamentos a pé en máis do 65% son algún dos efectos xerados polo modelo de cidade que contribúen á loita contra o cambio climático e colocan á Pontevedra nun lugar avanzado na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030.

A proxección que o modelo de cidade está a ter a nivel internacional (premio de Seguridade Vial Urbana da Comisión Europea presentado o pasado venres, intervencións no Cumio do Clima, interese espertado en París, Poznan, Andorra, Arxentina, Lugo, etc.) como cidade pioneira na implantación deste tipo de políticas, estase a ver incrementado pola situación actual da pandemia a nivel mundial, que puxo de relevancia a importancia das cidades como Pontevedra, “pensadas para a xente”.

https://intercambio.pontevedra.eu/index.php/s/6mbBFLfnW7uMqve