O Concello reforza os cemiterios municipais con cartelería de cara ás xornadas de Defuntos e Santos e fai un chamado á responsabilidade

18
  • San Amaro, Pontesampaio, Lourizán, Campañó e Bora contarán con indicacións de medidas de prevención fronte ao coronavirus
  • As visitas aos mesmos terán unha duración máxima de 30 minutos e non permitirán reunións de máis de 4 persoas
  • Os días 31, 1 e 2 todos os recintos abrirán en horario continuado de 9 a 19h.

Todos os cemiterios municipais – San Amaro, Pontesampaio, Lérez, Bora e Campañó – contarán dende hoxe con con cartaces á entrada nos que estarán contempladas medidas con indicacións xerais como a máscara, a distancia de seguridade ou a limitación no acceso a ferramentas ou espazos de uso compartido e cuestións máis específicas como a limitación da permanencia no camposanto a un máximo de 30 minutos e en grupos de máximo 4 persoas.

A maiores destas normas, a concelleira Carme Fouces fai un chamado á responsabilidade de todo o mundo para que teña en conta que “o mes de novembro é o mes de Santos e non é necesario que nos aglomeremos todos ese día nos cemiterios. Espallemos todo o posible as visitas, sobre todo no caso da xente maior, que se achegue con anterioridade ou mellor a posteriori para evitar aglomeracións”.     

Por dimensións e afluencia, San Amaro estará dotado con sinalización vertical e horizontal en todo o camposanto indicando o sentido de circulación que os/as visitantes deberán seguir en todo momento. O acceso ao mesmo só se poderá realizar a pé. Permitirase o acceso de vehículos pola porta lateral previa solicitude telefónica no caso de persoas con mobilidade reducida.

En relación ao tránsito de vehículos nas inmediacións dos camposantos, San Amaro e Lérez contarán con operativos de tráfico para regular a afluencia prevista.