O Concello modificará a ordenanza de furanchos para que poidan abrir en xullo en circunstancias excepcionais

19
  • O concelleiro de Urbanismo reuniuse esta semana coa Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra.
  • A ampliación do período de apertura sería até o 31 de xullo e só en circunstancias extraordinarias como no caso do pasado Estado de alarma.

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda reuniuse esta semana coa Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra para estudar a posibilidade de modificar a ordenanza que regula esta actividade no municipio, e poder ampliar o período de apertura dos furanchos e loureiros en circunstancias excepcionais como no caso da pandemia de Covid.

Na reunión na que estivo presente o director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato recordouse que a ordenanza de Pontevedra recolle que estes establecementos teñen permiso de apertura do 31 de decembro ao 30 de xuño para vender o excedente do viño da colleita propia do ano en curso.

Foron varias as opcións que os propietarios dos furanchos e loureiros puxeron sobre a mesa: abrir a partir do 1 de decembro porque é un mes no que aínda ten bastante saída o viño ou ampliar o período de apertura até o 31 de xullo.

Xaquín Moreda explicoulles que a primeira opción estaba desbotada porque é unha época do ano na que hostalería ten un importante movemento e os prexudicaría, especialmente tendo en conta que os furanchos e loureiros non son unha actividade principal e a da hostalaría si.

E sobre a opción de poder abrir até o 31 de xullo, o concelleiro viu con bos ollos a posibilidade de poñela en marcha en situacións moi excepcionais como foi o caso do Estado de Alarma e da pandemia que se está a vivir. A modificación da ordenanza incluirá, polo tanto, a excepcionalidade á que se poderán acoller furanchos e loureiros para ampliar a súa apertura.