Igualdade e CIM elaboran un manifesto para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais

31
  • Coincidindo coa celebración do 15 de outubro no día de mañá, a edil Yoya Blanco suliña “o papel esencial” das mulleres que viven nas parroquias, “un 23% das empadroadas en Pontevedra”

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra distribuirán mañá a través de redes sociais un manifesto co que se pretende conmemorar o 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) para recoñecer e poñer en valor a función e contribución decisivas da muller rural no desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza. O lema desta xornada en 2020 é ‘Construír a resiliencia das mulleres rurais a raíz da Covid-19’ e, tal e como sinala a edil socialista Yoya Blanco, céntrase en “crear conciencia sobre as loitas destas mulleres, as súas necesidades e o seu papel fundamental e clave na nosa sociedade nun momento no que, a pesar de tódalas dificultades, estiveron ao pé do canón na pandemia, incluso cun traballo de coidados non remunerado que se viu incrementado”.

A comunicación oficial que se vai distribuír polo 15 de outubro fai fincapé no que feito de que “en Galicia resulta case imposible entender o rural sen falar da figura das mulleres. Ser muller, galega e do rural significa enfrontarse cada día a unha situación de desigualdade de xénero, derivada do illamento da poboación, e moitas veces, do acceso aos recursos”. “Para acadar a igualdade entre mulleres e homes no rural galego é preciso garantirlles a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral, facilitar a conciliación das esferas persoal, profesional e familiar, así como impulsar a súa capacidade de emprendemento, promocionando e dinamizando novas iniciativas sociais e empresariais que axuden ás mulleres a romper cos obstáculos que se lles presentan no día a día, a acceder a postos de responsabilidade e participar plenamente na toma de decisións a todos os niveis”, reivindica o manifesto.

Tanto a Concellería de Igualdade como o CIM de Pontevedra consideran que “mención aparte merece a abordaxe da violencia de xénero no ámbito rural, que se caracteriza pola invisibilidade, a dificultade de acceso aos recursos, a ausencia de recursos especializados e a falta de concienciación social”. “Vivir en círculos pequenos, onde todo o mundo se coñece e ‘o que dirán’ ten máis peso, a escaseza de oportunidades laborais -apuntan- e a sobrecarga dos traballos de coidados, que recaen maiormente nas mulleres, fai que as vítimas de violencia sufran múltiples dependencias do agresor e tarden máis en romper o seu silencio. Non significa que no rural haxa máis violencia, senón que no rural as vítimas son máis vulnerables”. A suma de todos estes factores motiva que o éxodo rural sexa principalmente de mulleres.

A intención do Concello é a de visibilizar ás mulleres do rural que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans e lograr que se lles asegure unha protección total dos seus dereitos para un futuro rural vivo, de igualdade e calidade de vida en base a un equilibrio territorial. “Porque sen oportunidades para as mulleres, non haberá futuro para o medio rural; porque sen mulleres, non haberá rural”, remata o manifesto municipal.

Yoya Blanco lembra que, en base aos datos do Padrón de Pontevedra, “o 23% das mulleres do concello viven nas parroquias”, protagonizando “un papel esencial e unha loita silenciosa a prol da dignidade de tódalas mulleres e o desenvolvemento da nosa sociedade”.