O Concello acotará o espazo fronte á residencia de Campolongo para uso das persoas residentes

24
  • Anularase o aparcadoiro que hai na fronte do edificio para dedicar o espazo a estancia e paseo dos e das residentes en condicións de seguridade segundo os protocolos Covid
  • Esta decisión responde a unha solicitude da dirección da residencia por carecer de zona exterior propia

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, anunciou esta mañá que o Concello acotará a zona frontal da residencia de Campolongo para que as persoas residentes poidan facer uso dese espazo público. O concelleiro indicou que a esta proposta se lle dará curso na Xunta de Goberno da vindeira semana co obxecto de que os e as residentes poidan gozar dun espazo no que estar e pasear ao aire libre en condicións de seguridade atendendo aos protocolos Covid vixentes.

Demetrio Gómez explicou que a proposta parte dunha solicitude da dirección da residencia de Campolongo por carecer de zona axardinada ou exterior propia para uso das persoas residentes e mesmo para recibir visitas. “Por suposto o modelo de cidade que temos implantado en Pontevedra permítenos atender a este tipo de solicitudes” asegurou o concelleiro, e lembrou que este caso é similar ao do IES Valle Inclán que utiliza a parte de Montero Ríos fronte ao centro educativo para as aulas de educación física.

Así, a idea pasa por acotar toda a zona frontal do edificio da residencia anulando o actual aparcadoiro (que viña sendo utilizado maioritariamente por persoal da propia residencia) e garantindo o tráfico peonil pola beirarrúa.

Segundo explicou Demetrio Gómez a dirección da residencia compartimentará o espazo acotado para darlle tres usos diferenciados, posto que as persoas de cada unha das plantas precisan zonas de estancia diferenciadas e para dedicar unha zona de paseo.