O tradicional mercadillo de Tódolos Santos reducirá este ano o número de postos de 42 a 33 para adaptarse aos protocolos de seguridade

16
  • A Concellería de Promoción Económica realizou onte as medicións na Praza da Ferrería e abrirá entre os días 15 de 26 de outubro o prazo de presentación de solicitudes para a venda de flores

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asinou esta mañá a instrución pola que se determinan as condicións para a adxudicación do tradicional mercadillo de venda de flores durante a fin de semana de Tódolos Santos, os días 31 de outubro e 1 de novembro. A incoación deste expediente prodúcese despois de que técnicos municipais estiveran na tarde de onte realizando medicións na Praza da Ferrería coa finalidade de determinar as distancias, o número e o tamaño dos postos que se poderán instalar na actual situación sanitaria, en base ao ‘Protocolo e guía de boas prácticas dirixida á actividade de venda non sedentaria’ do Ministerio de Sanidade e da Secretaría de Estado de Comercio.

Entre os requisitos que establece a instrución de Blanco atópanse a necesidade dun distanciamento de 2 metros cadrados entre postos, o establecemento dunha zona de acceso, un percorrido e unha saída, a instalación de dispensadores de xel hidroalcólico na entrada ao recinto e a sinalización clara (con marcas no chan) da distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre clientes por parte dos titulares dos postos. Segundo explica a concelleira socialista, “debido a estas necesidades de distanciamento, este ano o número de postos dispoñibles redúcese a 33 postos (en 2018 e 2019 foron uns 42): 17 postos de catro metros cadrados, 8 de seis metros cadrados, 5 de oito metros cadrados e 3 de dez metros cadrados”. “Cada solicitante -advirte- só poderá solicitar un posto”.

A Concellería de Promoción Económica abrirá entre os días 15 e 26 de outubro o prazo para a presentación de solicitudes para a venda de flores, cuxa inscrición pasa obrigatoriamente polo aboamento da correspondente taxa por ocupación de vía pública. Os postos adxudicaranse por orde de solicitude, ata esgotar o número de postos dispoñibles. Deberanse solicitar nas oficinas do Servizo de Promoción Económica da Casa da Luz (2º andar), en horario de 10:00 a 12:00 horas, sendo imprescindible presentar no Rexistro do Concello, ademais da solicitude cuberta, a liquidación da taxa polo número de metros a ocupar.