Etiqueta Negra muda este ano de formato coa celebración de catas comentadas de produtos gourmet galegos entre o 24 e o 29 de novembro

18
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que ‘Etiqueta Negra Experiencias’ será “unha versión diferente e máis íntima” da feira, dirixida por expertos e cun aforo reducido
  • Fieis á filosofía do evento gastronómico, os protagonistas desta quinta edición serán os produtores e os produtos galegos de calidade diferenciada que pasaron ao longo destes anos pola feira

Debido á situación actual de incerteza provocada pola Covid-19 e ás restricións impostas na cidade e tras reunirse co equipo organizador de Etiqueta Negra, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, adoptou a decisión de efectuar un cambio de formato para a edición de 2020, que celebrará excepcionalmente “unha versión diferente e máis íntima”. Baixo o nome de ‘Etiqueta Negra Experiencias’, a feira gastronómica reinventase este ano coa celebración en Pontevedra de diversas catas comentadas de produtos gourmet galegos entre os días 24 e 29 de novembro.

“Aínda que a comercialización do espazo de contratación ía a bo ritmo e existía a previsión de completar os stands dispoñibles para esta quinta edición, tomamos esta decisión despois de avaliar en profundidade a situación”, afirma Yoya Blanco, para quen a seguridade de expositores e visitantes é prioritaria. En opinión da edil socialista, “nestes momentos prima a saúde por enriba de todo e agora mesmo non podemos nin aventurarnos, nin arriscarnos, a celebrar esta feira do gourmet galego nun panorama incerto, no que non sabemos que limitacións de aforo teriamos e nin sequera se estaría dispoñible o Recinto Feiral, onde agora mesmo se están a realizar os test rápidos do Covid-Auto”.

Co obxectivo de apoiar ao sector primario e transmitir a súa importancia no mundo gastronómico e na sociedade en xeral, a organización de Etiqueta Negra traballa xa neste novo formato, baseado en experiencias gastronómicas, que terá un carácter excepcional e que seguirá contando co apoio de Hijos de Rivera. Deste xeito, durante a última semana de novembro celebraranse diferentes catas dirixidas por persoas expertas, cun aforo reducido e nas que os protagonistas serán, como sempre en Etiqueta Negra, produtores e produtos galegos de calidade diferenciada que pasaron ao longo destes anos pola feira. “Degustaranse, por exemplo, viños, queixos, doces, cafés, conservas, cervexas, vermús, precociñados, embutidos, infusións…”, avanzou Yoya Blanco.

A inscrición para estas catas será gratuíta e farase a través do sitio web www.etiquetanegragourmet.com. O lugar de celebración, as prazas dispoñibles e o programa das catas serán anunciados en breve. Ademais, tamén haberá a posibilidade de seguir estas actividades de forma virtual.