O campo de fútbol de Marcón acollerá a fin de semana do 17 e o 18 de outubro unha Proba de Agility coa participación duns 80 cans

37
  • evento, patrocinado polas concellerías de Promoción Económica e Benestar Animal, é puntuable para o Campionato de España e contará con participantes de toda Galicia, Asturias e Portugal

O campo de fútbol de herba sintética de Marcón converterase os vindeiros días 17 e 18 de outubro en escenario dunha Proba de Agility puntuable para o Campionato de España da disciplina. Uns 80 cans procedentes de toda Galicia, Asturias e Portugal, entre eles algúns campións nacionais e participantes en mundiais de Agility en anos anteriores, daranse cita nas diferentes categorías e grados desta competición, organizada polo Club de Agility Patas en colaboración coa Sociedade Canina Galega, a firma especializada en alimentación de mascotas Arion e as concellerías de Promoción Económica e Benestar Animal do Concello de Pontevedra.

O evento dará comezo o sábado 17 ás 16:00 horas, coas seguintes competicións: Grao 1, dúas mangas de Agility e unha manga de Jumping; Grao 3, Jumping e Agility, e Grao 2, Agility e Jumping. O domingo 18, as probas desenvolveranse pola mañá, iniciándose a partir das 10:00 horas e serán: Grao 1, dúas mangas de Agility e unha manga de Jumping; Grao 3, Jumping e Agility, e Grao 2, Agility e Jumping.

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, o Agility é un deporte para cans e persoas que consiste “en guiar ao can para que percorra un circuíto cheo de obstáculos, no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas”. “O can -apunta- debe comprender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía para poder seguir as súas indicacións e sortear os obstáculos coa máxima axilidade posible. Durante o percorrido, o guía debe decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión. Eu asistín o ano pasado por primeira vez a unha competición deste tipo e podo dicir que é absolutamentre trepidante. Unha marabilla”, sinala a edil socialista.

O concepto de Agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo crear unha actividade de adestramento diferente para o público que acodía a ver as exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.

Calquera persoa, xa sexa moza ou maior, pode participar neste tipo de competicións, con independencia da raza ou altura do can. A intensidade do deporte dependerá da idade e condicións da mascota e, por suposto do dono. Para iniciarse, requírese dun mínimo de obediencia e control do animal, que se incrementará coa experiencia.

“Un dos beneficios do Agility está en aumentar a obediencia do can e incrementar a boa relación e o vencellamento afectivo entre mascotas e propietarios. Tamén mellora a calidade de vida do can, grazas a una mellor aptitude física e psíquica, así como o seu comportamento e educación. É conveniente a elección dun club de Agility que traballe en liñas de adestramento e educación en positivo e con experiencia. En Pontevedra hai varios que participan en diferentes competicións”, subliña Yoya Blanco.

O xuíz portugués Belmiro Sousa valorará as faltas ou erros

A Proba de Agility que se celebrará no campo de fútbol de Marcón terá como xuíz ao portugués Belmiro Sousa, que se encargará de cada pista se realice no tempo establecido e valorará as faltas ou erros do guía ou do can. Os percorridos desta disciplina, de lonxitudes de entre 100 e 200 metros, desenvólvense en pistas oficiais que teñen unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros. Dependendo da categoría na que compitan, terán que superar entre 15 e 22 obstáculos. O guía dispón de sete minutos para memorizar o percorrido antes do inicio da competición e non está permitido levar nada nas mans nin tocar aos obstáculos ou ao can.

A organización da proba rexerase polo regulamento e normas de Agility da Real Sociedade Canina de España (RSCE) e será obrigatorio o uso de mascarilla en todo momento, salvo no transcurso da competición. Haberá tres graos diferenciados: Grao 1, no que están incluídos os participantes que acceden á modalidade de Agility, constituíndo o nivel básico ou elemental; Grao 2, que corresponde cun nivel de dificultade medio, e Grao 3, que constitúe o máximo chanzo da modalidade de Agility RSCE (os trazados dos seus percorridos, así como a velocidade e os tempos de execución, conlevan unha maior dificultade na súa realización). 

Prevense tres categorías en competicións e probas de Agility nacionais que organiza ou autoriza a RSCE e cinco alturas de salto:

  1. A categoría pequena (small), para cans por debaixo de 35 cm de altura á cruz, subdividida en dous subcategorías, cada unha coa súa altura de salto: a subcategoría XS, para cans por debaixo de 28 cm (27,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 15 a 20 cm; e a subcategoría S, para cans de 28 ata 35 cm (34,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 25 a 30 cm.
  2. A categoría mediana (medium), para cans de 35 ata 43 cm (42,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 35 a 40 cm.
  3. A categoría estándar (large), para cans de 43 cm ou máis de altura á cruz, subdividida en dúas categorías, cada unha coa súa altura de salto: a subcategoría L para cans de 43 ata 50 cm (49,99 cm) de altura á cruz, cunha altura de salto de 45 a 50 cm; e a subcategoría XL para cans de 50 cm ou máis de altura á cruz, cunha altura de salto de 55 a 60 cm.