A segunda fase das obras de reposición de firme comeza na avenida Bos Aires

22
  • Os traballos darán comezo mañá fronte á entrada posterior do Mercado de Abastos e realizaranse coa premisa de interromper o menos posible o tráfico rodado e a propia actividade do mercado 
  • Esta actuación está contemplada no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos e ten por obxectivo rehabilitar a capa de rodadura en tramos do viairo urbano nos que se aprecian desperfectos e deterioro

A partires do mediodía de mañá, xoves 8, a empresa COVSA iniciará os traballos de reposición de firme na avenida Bos Aires, no treito que pasa á altura da saída posterior do Mercado de Abastos. Trátase da segunda fase das obras de rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se teñen detectado desperfectos e deterioro e que vén complementar a actuación xa realizada nos meses de maio e xuño.

Deste xeito, desde a Concellaría de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos continúase co labor de manter a cidade en óptimas condicións, polo que estes traballos nas calzadas veñen sumarse aos de mantemento de pavimentación nas zonas peonís ou ao arranxo e reposición de mobiliario urbano. A concelleira responsable da área, Eva Vilaverde asegura que “unha vez rematado o verán e tendo en conta que seguimos traballando polas zonas peonís do centro que son absolutamente prioritarias para nós, desde o departamento de Espazos Públicos Urbanos consideramos que é necesario acometer unha segunda fase de reposición de firme que nos permita manter o estandar de calidade naquelas outras zonas onde polo seu uso o pavimento está máis deteriorado”.

A actuación na avenida Bos Aires realizarase sen cortar a circulación de tráfico rodado, polo que a reposición da capa de rodadura non será simultánea en ambos carrís senón que se actuará de xeito alterno. O obxectivo é interromper o menos posible tanto o tráfico e como a actividade o Mercado, e está previsto que o tramo quede totalmente asfaltado en dúas xornadas.

A segunda fase destes traballos continuará na rúa do Cordón, avenida do Uruguai (fronte ao Náutico), rúa da Barca, glorieta Doce de Novembro coa rúa Teixoeira, rúa Alcade Hevia, rúa Alexandre Bóveda, praza de Barcelos con Perfecto Feijóo, rúa Casimiro Gómez e rúa Daniel de la Sota.

Está previsto que os traballos se realicen ao longo do mes de outubro, aínda que esta previsión está estará condicionada polas condicións metereolóxicas.