O Medio Maratón de Pontevedra 2020 abre o prazo de inscrición para un máximo de 300 corredores

55
  • O primeiro prazo está reservado exclusivamente a persoas empadroadas en Pontevedra ou deportistas con licenza en clubs de atletismo do concello e pecharase ás 23:59 horas de mañá
  • O segundo prazo abrirase xoves 8 de outubro e pecharase o domingo 11 de outubro, permitindo a inscrición do resto de persoas interesadas no caso de que non se cubran tódalas prazas

Todas aquelas persoas empadroadas en Pontevedra ou deportistas con licenza en clubs de atletismo do concello que estean interesadas en participar poden inscribirse dende hoxe, e ata as 23:59 horas de mañá, no Medio Maratón de Pontevedra 2020, organizado pola Sociedade Ximnástica en colaboración coa Concellería de Deportes. A situación sanitaria obrigou neste XXXVIII Gran Fondo (XXV Medio Maratón) a establecer unha participación máxima de 300 corredores. As inscricións deberán facerse a través da páxina web ‘https://eventos.emesports.es/inscripcion/xxxviii-gran-fondo-xxv-medio-maraton-pontevedra-2020/inscripcion_datos/?lang=es’ e levarase a cabo en dúas quendas. 

Así, unha vez pechado este primeiro prazo, exclusivo para empadroados e deportistas federados en equipos pontevedreses, está previsto abrir un segundo, dende as 15:00 do xoves 8 de outubro e as 23:59 horas do domingo 11 de outubro, que permitirá que, no caso de non cubrirse tódalas prazas, poidan inscribirse o resto de persoas interesadas, independentemente do lugar de empadroamento.

O evento, que será presentado o vindeiro venres na nova Sala de Prensa do Concello (Teatro Principal) celebrarase o sábado 18 de outubro a partir das 9:00 horas, desenvolvéndose nun circuíto de dúas voltas de 10,5 quilómetros con saída e liña de meta na rúa José Malvar e que discorrerá pola Illa das Esculturas e a zona do Campus Universitario.