A Covid-19 converte a VII Feira da Miniciencia nunha Semana de Pontenciencia 2020 con grupos dun máximo de 25 alumn@s por centro educativo

25
  • A Concellería de Educación ten previsto desenvolver o programa entre os días 9 e 13 de novembro, con actividades de divulgación individualizadas para cada grupo de estudantes
  • As actividades deste proxecto, subvencionado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, celebraranse tanto na Escola Universitaria de Forestais como nos propios colexios

A pandemia da Covid-19 obriga este ano a reformular o programa de ‘Pontenciencia 2020: VII Feira da Miniciencia’, un proxecto impulsado pola Concellería de Educación de Pontevedra e subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Ata o de agora víñase celebrando unha feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, co obxectivo de poñer ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, pero a situación sanitaria levou ao departamento que dirixe Tino Fernández a reconvertela nunha ‘Semana de Pontenciencia 2020. VII Feira da Miniciencia: Que o coñecemento non pare!’.

A intención do tenente de alcalde é que esta semana de actividades de divulgación técnico-científica poida desenvolverse entre os días 9 e 13 de novembro, tanto na Escola Universitaria de Forestais do Campus de Pontevedra como nos centros educativos de Primaria do noso concello. “Trátase dunha proposta de actividades individualizadas para cada grupo participante, de cuxo contido, duración e características informarase en breve aos colexios, e ás que asistirán un máximo de 25 alumn@s por centro de 5º e 6º curso de Primaria”, explica o edil socialista.

A participación en Pontenciencia 2020 realizarase mediante inscrición previa e, no caso de elixir a realización da actividade na Escola de Forestais, a Concellería de Educación proporcionará o correspondente medio de transporte (de efectuarse no propio colexio, o equipo desprazaríase ata alí). Tal e como asegura Tino Fernández, “tódalas actividades realizaranse cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias existentes asociadas ao actual contexto de pandemia”, podendo modificarse o programa “en función da situación sanitaria que teñamos no momento de celebrarse”.

A Concellería de Educación xa informou da nova proposta aos centros escolares de Pontevedra, de cara a que confirmen a súa vontade de participar no evento, indiquen a persoa de contacto para poder resolver posibles dúbidas e comezar a preparar as actividades en grupos reducidos de alumn@s.