A coordinadora do CIDES impartirá o vindeiro venres 9 de outubro unha Xornada LGTBI virtual impulsada pola Concellería de Igualdade

68
  • A Xornada desenvolverase a través de Zoom en horario de 18:00 a 20:30 horas e centrarase na realidade trans. As inscricións poderán facerse a través da plataforma ‘e-ponte.com
  • Ada Otero é convidada como poñente, xunto cun senador e un deputado do PSOE, a un coloquio sobre LGBTIfobia organizado por SOS Discriminación Internacional de Querétaro (México)

A coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (CIDES), Ada Otero, protagonizará o vindeiro venres 9 de outubro unha Xornada LGTBI virtual destinada a aqueles profesionais e público en xeral que busquen unha introdución dende cero á realidade do colectivo. O coloquio, impulsado pola Concellería de Igualdade, realizarase a través da plataforma Zoom en horario de 18:00 a 20:30 horas e, segundo explica a relatora, “comezará con conceptos básicos para despois afondar e falar de xeito máis detallado de temas máis complexos como a realidade trans”.

As inscricións nesta Xornada, totalmente gratuíta, poderán efectuarse a través da páxina de comercio online do Concello ‘e-ponte.com‘, a través do enlace https://e-ponte.com/product/xornadas-lgtbi/. A sesión terá un carácter interactivo, polo que será preciso que os participantes empreguen cando menos un micrófono para introducirse nas dinámicas, e están moi orientadas a profesionais como traballadores sociais, sanitarios, xuristas ou xornalistas (se ben está aberto a todo o mundo). “Os que queiran obter máis información en relación a esta charla LGTBI poderán remitir as súas consultas ao correo ‘cidespontevedra@gmail.com’ ou chamar ao teléfono 676 09 73 39”, indica a coordinadora do CIDES. 

Non será a único coloquio no que participe Ada Otero a vindeira semana. Tal e como avanza a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a activista trans foi tamén convidada a outro ciclo de conferencias virtual titulado ‘Prevención da LGTBIfobia a través das institucións’, “que terá lugar un día despois, o sábado 10 de outubro, e que está organizado polas xuventudes da organización mexicana SOS Discriminación Internacional Querétaro con motivo do Día Nacional contra Discriminación (que México conmemora o 19 de outubro)”. 

“A directora do CIDES -subliña a edil socialista- foi convidada para falar aos estudantes universitarios da entidade da súa experiencia no que atinxe a LGTBIfobia e na posta en marcha do novo Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade. Neste seminario tamén participarán o senador do PSOE José Latorre Ruíz, vicepresidente primeiro da Comisión de Educación e Formación Profesional no Senado, e o deputado socialista na Asemblea de Madrid Javier Guardiola Arévalo”.

Otero explica que a iniciativa permitirá á mocidade de Querétaro dialogar e intercambiar experiencias de xeito virtual cos relatores en torno á non discriminación, o fortalecemento dos dereitos humanos e a igualdade sen fronteiras.

Pódese obter máis información sobre este seminario online no seguinte link: 

https://informativodequeretaro.com/jovenes-se-adentran-en-el-tema-de-la-discriminacion/?fbclid=IwAR0FokhGC4tB6ahXrGYJArVjiOjmZQ1TRcf-OyNc3gYpF7ibwXVLEJrgUDA