A historia dos colexios e os barrios de Pontevedra chega aos centros educativos en forma de mural

115
  • A Concellería de Educación destina máis de 17.000 € ao proxecto educativo ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado en colaboración coa firma Polo Correo do Vento

Acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar e coa cidade é o principal obxectivo do proxecto educativo ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación de Pontevedra en colaboración co equipo creativo da firma Polo Correo do Vento. A iniciativa, para a que o departamento que dirixe Tino Fernández destinou unha achega de máis de 17.000 euros, traducirase na realización dunha serie de intervencións en forma de murais nos centros educativos de Infantil e/ou Primaria radicados no noso concello.

Segundo explica o tenente de alcalde, “estes murais, de dous metros por dous metros, terán como obxectivo principal a identificación dos alumnos coa historia do centro e do seu contorno, e cada un deles formará parte dun conxunto identificable de intervencións que servirán para dar unha imaxe común dos colexios participantes, formando un conxunto en banda deseñada”. “Unha vez rematadas as actuacións, publicarase o material completo a través das redes sociais do Concello, podendo nun futuro converterse nunha rede de roteiros nos que o estudantado interactúe coas diferentes obras”, avanza Tino Fernández.

Entre os obxectivos do proxecto ‘O teu cole na historia’ tamén se inclúen o fomento do respecto polo material común e o coidado dos edificios públicos por parte da comunidade educativa. Todos aqueles centros educativos interesados en formar parte desta iniciativa deberán poñerse en contacto coa Concellería de Educación enviando un correo electrónico á dirección ‘educacion@pontevedra.eu‘ antes do vindeiro venres 9 de outubro.

Actuacións de mellora na gardería da Parda e na EEI Crespo Rivas

Por outra banda, a Concellería de Educación vén de contratar dúas obras de mantemento na gardería da Parda, en concreto, a reposición de vidros, que realizará Cristalería Kameselle cun orzamento de 1.188,99 euros, e a reparación de varios xogos infantís que presentan deterioros nas súas pezas de madeira, que executará a firma Leisure Gallaeci cunha achega de 1.058,75 euros. Asemade, o departamento que dirixe Tino Fernández destinou 1.453,45 euros á adquisición de materiais para arranxos de fontanería na Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas, subministrados pola firma Ferretería Blanco Marcón.