Benestar Animal renovará a cuberta do refuxio de Os Palleiros para poñer fin ás filtracións de auga

33
  • Nunha visita ás instalacións de Campañó en compañía do tenente de alcalde, Tino Fernández, o edil Marcos Rey avanzou que as obras suporán un investimento de “entre 16.000 e 18.000 €”

Na súa estrea como concelleiro da área de Benestar Animal, o concelleiro socialista visitou esta mañá, en compañía do tenente de alcalde, Tino Fernández, as instalacións do refuxio de cans que a protectora Os Palleiros xestiona na parroquia de Campañó, coa finalidade de recoller as demandas máis perentorias do colectivo. Entre as peticións ás que o departamento que dirixe Rey pretende dar resposta no que queda de ano contémplase a renovación da cuberta da canceira para poñer fin ás filtracións de auga que se producen durante as épocas de choiva. Unha actuación que xa se está a deseñar e que, como avanzou o edil do PSOE, “suporá un investimento de entre 16.000 e 18.000 euros”.

Así llo transmitiu o concelleiro de Benestar Animal, ao que tamén acompañou a técnica da Oficina Municipal de Arquitectura Sandra Valverde, á presidenta de Os Palleiros, Gloria Cubas, e á vicepresidenta da protectora, Beti Suárez, responsable de obras e adopcións. Non obstante, tal e como indicou a propia Suárez, trátase dunha actuación que é prioritaria, “xa que as goteiras se producen nunha zona pensada para recuperación dos animais despois intervencións e para que estean as nais cos seus cachorros, e agora mesmo lles chove”.

“Asemade, temos unhas fisuras no teito do quirófano, moi próximas á lámpada da mesa de intervencións, que están motivando unha filtración de humidade. Trátase dun tellado que non se fixo de novo, como o resto da obra, que se foi ‘parcheando’ e que, a consecuencia do paso do tempo e das inclemencias climatolóxicas, amosa unha serie de desperfectos que estamos a padecer”, subliñou a vicepresidenta de Os Palleiros.

Ademais do arranxo do tellado, as responsables da protectora informaron aos concelleiros socialistas dos problemas que están a ter pola presenza de ratas procedentes dunha parcela anexa, tamén de propiedade municipal, que se atopa chea de malas herbas e maleza. Segundo explicou Gloria Cubas, “as ratas entran na propiedade do refuxio para comer o penso e ese penso hai que botalo, incrementando aínda máis o gasto en comida (que, sen contar os alimentos especiais que precisan algúns animais, se sitúa nuns 1.000 euros ao mes)”. 

Tino Fernández e Marcos Rey informáronlles de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, xa deu a orde para que se realicen tarefas de desbroce en dita finca e comprometéronse a solicitarlle á concesionaria do servizo de limpeza que execute as desratizacións periódicas incluídas no contrato co Concello de Pontevedra.

Os efectos da Covid-19: os mesmos abandonos, menos ingresos

A vicepresidenta de Os Palleiros lembrou que “por unha cuestión de seguridade, paráronse as adopcións no momento máis álxido da Covid-19, o que evidentemente minguou as adopcións, pero non aconteceu o mesmo cos abandonos, xa que segue habendo un número moi elevado”. “Todo isto con moitos menos ingresos -matizou-, xa que se tiveron que parar os mercadillos solidarios ou eventos como a tradicional cea benéfica. En consecuencia, o abandono de cans segue a ser a mesmo, xeran os mesmos gastos, pero nós non temos as mesmas achegas de cartos. Vivimos cunha subvención e cos cartos dos nosos voluntarios”. 

O edil de Benestar Animal constatou que o seu departamento vén de triplicar o orzamento dedicado ao rescate, albergue e esterilización de animais abandonados (incluído o control de colonias felinas), pasando de 5.000 a 15.000 euros, e amosou a súa absoluta disposición de seguir colaborando cóbado con cóbado coa protectora.

As directivas de Os Palleiros manterán nos vindeiros días un novo encontro con Rey para tratar outros asuntos, entre eles a renovación do convenio bianual de colaboración entre o colectivo e o Concello para a recollida e albergue dos animais abandonados.