Pontevedra, recoñecida co Premio ‘El Anillo’ de Deporte y Turismo da Junta de Extremadura

4
  • O premio foi outorgado polo traballo realizado na organización do Mundial Multisports 2019 da modalidade de Triatlón e será entregado o vindeiro 7 de outubro en Cáceres
  • Os Premios ‘El Anillo’ de Deporte y Turismo están convocados pola Fundación Jóvenes y Deporte, dependente da Consejería de Cultura, Turismo y Deportes de Extremadura

Pontevedra vén de ser elixida como gañadora dos III Premios ‘El Anillo’ de Deporte y Turismo, na categoría de Premios Nacionales, polo traballo de organización do Mundial Multisports 2019 da modalidade de Triatlón. Estes premios están convocados pola Fundación Jóvenes y Deporte, dependente da Consejería de Cultura, Turismo y Deportes de Extremadura e a nova foille comunicada onte desde a Junta de Extremadura ao alcalde Pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores. Tras coñecer a noticia, Fernández Lores amosou a súa “satisfacción” este recoñecemento e asegurou que este galardón “significa seguir promovendo e proxectando a cidade de Pontevedra como referente internacional a nivel deportivo, que ten ademais unha compoñente tamén moi importante como é a dinamización económica en sectores como a hostelaría, o comercio e o turismo”. O alcalde tamén adiantou que acudirá persoalmente a recoller o premio, acompañado dunha delegación do Concello.

Segundo indican desde a Fundación Jóvenes y Deporte, a candidatura de Pontevedra competía con eventos e organizacións tan destacadas como a proposta de Dinamización Turística a través del Golf da Diputación de Huelva ou os Roller Games de Barcelona 2019. A convocatoria destes premios está vinculada ao III Congreso ‘Deporte y Turismo – Extremadura 2030’ que terá lugar os días 7 e 8 de octubre no Complejo Cultural San Francisco da Diputación de Cáceres, polo que a entrega se realizará na xornada inaugural de dito Congreso. Na organización do mesmo colaboran as Diputacións Provinciais de Cáceres e de Badajoz, Ayuntamiento de Cáceres, Universidad de Extremadura, Consejo Superior de Deportes, os Comités Olímpico e Paralímpico, a Dirección General de Turismo, Extremadura Avante e a AEXCID. O xurado, que se reuniu telematicamente para fallar estes premios, estivo composto por representantes de todas as institucións implicadas na organización do Congreso.