O Concello destina 137.000 euros a contratar o servizo de limpeza e desinfección dos parques infantís de Pontevedra ata o mes de xaneiro

114
  • A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe pola vía de emerxencia a formalización do contrato coa empresa especializada Garocaprim SL, que o viña realizando mediante contratacións mes a mes

As concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Medio Rural destinarán unha achega de 137.000 euros a formalizar coa empresa especializada Garocaprim SL a contratación do servizo de limpeza e desinfección dos parques infantís de Pontevedra ata xaneiro de 2021. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe fora da súa orde do día, pola vía de emerxencia, esta contratación para os vindeiros meses, que ata o momento viña prestando a mesma firma mediante contratos renovados mes a mes.

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “trátase dunha decisión administrativa que ten un sentido de operatividade, xa que, dada a delicada situación sanitaria, é evidente que será necesario manter no tempo esta desinfección en profundidade das zonas de lecer infantil”. Tal e como lembra, Garocaprim destina nestes momentos tres brigadas de dous homes cada unha a realizar estes traballos tódalas noites, entre as 00:00 e as 7:00 horas, para deixar os 40 parques infantís do casco urbano, así como os existentes en zonas rurais, nas mellores condicións hixiénico-sanitarias para o seu uso dende primeira hora da mañá.

“Son sete horas de tarefas de limpeza e desinfección diarias, desenvolvidas de luns a domingo, que permiten que o noso Concello sexa un dos poucos que cumpra ao pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta e que supoñen un investimento extra de máis de 30.000 euros mensuais por parte do Concello de Pontevedra”, subliña o concelleiro socialista.