Volve a ‘invasión’ de coches á praza do Concello

3
  • Vinilos con forma de coches, simbolizando o espazo antes ocupado polo vehículo privado, visibilizan con mensaxes e datos as principais melloras acadadas grazas á transformación urbana
  • Está instalada na praza do Concello e forma parte das actividades con motivo da Semana Europea de Mobilidade

O Efecto PO2 é o protagonista da intervención efémera instalada na praza do Concello para visibilizar as principais melloras acadadas, tanto para a veciñanza como para o medio ambiente, grazas á transformación urbana de Pontevedra. Así, durante os vindeiros días, os vinilos con forma de coches que ‘invaden’ simbolicamente a praza do Concello  amosarán mensaxes como “91% menos de vehículos no centro”, “cada praza recupera a súa orixe” ou “1,3 millóns de m2 de peonalizacións”.

Trátase dunha acción posta en marcha polo Concello con motivo da Semana Europea de Mobilidade e que complementa outras accións divulgativas que tiveron lubar onte como a participación do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera na xornada “Por unha mobilidade sen emisións” organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a participación do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, no acto de entrega a Pontevedra do Premio Semana Europea da Mobilidade 2020 á experiencia nacional/internacional replicable concedido pola Comunitat Valenciana. 

A pé de instalación, a concelleira Carme da Silva explicou esta mañá que “nunha Semana Europea da Mobilidade que vén marcada por unha situación que condiciona todo por mor da pandemia da Covid-19 e que puxo de manifesto a necesidade de repensar e reconfigurar os espazos públicos, fixo que se puxese a mirada en modelos que estamos traballando en espazos públicos máis diversos, máis plurais e sen un uso exclusivo por parte do vehículo privado”.

Da Silva asegurou que “se xa a Axenda Urbana era un tema de preocupación internacional, o que fixo a crise da Covid foi acelerar todo e iso fixo que moitísimas cidades mirasen novamente cara a Pontevedra polo traballo feito en materia urbana nos últimos vinteún anos.”  Asegurou, ademais, que “esta campaña é unha forma de participar na Semana Europea de Mobilidade para poñer de manifesto os cambios acadados en Pontevedra e amosar como se pode gozar paseando, andando e facendo a vida diaria polos espazos públicos e como se gaña en calidade de vida”.

Carme da Silva tamén explicou que a intervención efémera que está instalada na praza do Concello estaba deseñada inicialmente con máis elementos para propiciar a interacción pero que foron suprimidas atendendo ás medidas de prevención da Covid-19 vixentes neste momento en Pontevedra.