Turismo instala un fito conmemorativo para sinalar o miliario do emperador Magnencio na Ruta Xacobea e dar a benvida aos peregrinos a Cerponzóns

98
  • Yoya Blanco achegouse ata o lugar de Leborei acompañada por directivos de O Chedeiro para inaugurar o novo sinal, que está traducido ao inglés e que se atopa a 57,8 kms. de Santiago

‘Welcome to the millenial parish of Cerponzóns’. Deste xeito recibe aos peregrinos o novo fito conmemorativo instalado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Camiño de Santiago ao seu paso polo lugar de Leborei. O sinal, acabado en aceiro corten, con gráfica impresa en vinilo e traducido ao inglés, permite indicar un punto da Ruta Xacobea polo que pasaba a Vía Romana XIX, construída fai 2.000 anos, e en cuxas inmediacións se colocou no ano 350 a.C. un miliario en honor ao emperador Magnencio (o orixinal se atopa no Museo de Pontevedra e no lugar hai unha réplica coa tradución da vella inscrición latina: ‘Dedicado ao noso señor Magno Magnencio, pío, feliz, augusto, nado para o ben da res pública’).

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá até o lugar acompañada pola presidenta da asociación veciñal O Chedeiro, Liliana Casás, e do seu secretario, Juan José Esperón, para inaugurar o fito, que, tal e como se constata no texto, traducido ao inglés, dista 57,8 quilómetros de Santiago de Compostela. “Os miliarios -lembrou a edil- tiñan a función de indica-las distancias entre cidades ou as referencias do Imperio Romano, e esa é precisamente unha das funcións que cumpre este ‘miliario’ moderno que acabamos de instalar neste punto da Ruta Xacobea con tanto valor histórico, ademais de darlles a benvida aos peregrinos á fermosa e milenaria parroquia de Cerponzóns e desexarlles que teñan bo Camiño”.

A presidenta de O Chedeiro agradeceu a Yoya Blanco o seu apoio con esta demanda veciñal “nestes tempos tan difíciles nos que resulta moi complicado facer cousas”, e aproveitou a ocasión para convidar “a todo o mundo a face-lo Camiño Portugués, que pasa por Cerponzóns, e en especial aos pontevedreses, aos urbanitas e aos veciños das demais parroquias”. “Que nos veñan coñecer -asegurou Liliana Casás-, que non se van arrepentir. Cando cheguen aquí, van dicir: ‘Pero como non viñemos antes se estabamos tan preto’”.