O VII Pont-Up Store celebrarase mantendo as actividades formativas online e adiando a instalación de expositores ata que a Covid-19 a permita

22
  • O evento foi presentado polo seu director, Pedro Figueroa; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o deputado Carlos López Font, e o vicerreitor do Campus, Jorge Soto
  • Blanco asegura que este “é só un pequeno paso atrás para tomar impulso” e que “se existe un momento no que resulta esencial apoiar e animar ao emprendemento ese é este ano”

“A VII edición do Pont-Up Store continúa adiante”. A boa nova foi anunciada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, no transcurso do acto de presentación do evento, no que estiveron presentes o seu director, Pedro Figueroa; o deputado provincial Carlos López Font, e o vicerreitor do Campus Universitario, Jorge Soto. Non obstante, a organización adoptou a decisión de adaptarse ás restricións da Covid-19 e realizou importantes axustes no programa: manteranse as actividades formativas vía online e adiarase a instalación de expositores (que debían abrir ao público entre os días 17 e 19 de setembro) até que a situación sanitaria a permita.

Aínda que non quixo dar novas datas, Yoya Blanco agarda que esta parte presencial se poida celebrar “o antes posible, se puidese ser posible, no prazo dun mes” e amosouse convencida de que o Pont-Up “tiña que seguir adiante”, xa que “se hai un momento no que resulta esencial apoiar e animar aos proxectos de emprendemento ese é este ano”. Na súa opinión, “este é só un pequeno paso atrás para tomar impulso” dun evento que é un exemplo de colaboración entre Concello, Deputación e Universidade, e do que cabe salientar “o importante espazo que adica á igualdade e ao emprendemento feminino” e que aposta “polos proxectos verdes e sostibles”.

O vicerreitor do Campus lembrou que o Pont-Up “é un evento do máis punteiro que poida haber en Galicia” e afirmou que “neste ano tan especial, servirá sen dúbida para quitar moitas máis conclusións positivas que negativas”, posto que imos ser quen de sacar adiante propostas e iniciativas de emprendemento nestas circunstancias. “Era máis importante que nunca -asegurou- que achegáramos a nosa forza económica, social e intelectual. Xestionar nunha situación tan especial como a pandemia da Covid-19 é unha aprendizaxe. Esta actividade conta cun estrito protocolo de seguridade. Si ou si vaise facer. Si ou si vaise acomodar ás circunstancias”, subliñou Jorge Soto.

“Un evento consolidado, referente no Noroeste peninsular”

O deputado Carlos López Font amosou a súa ledicia e optimismo “por chegar a esta VII edición nas circunstancias nas que nos atopamos: o Pont-Up está vivo e farase e esa é a mellor mensaxe que podemos dar”. Tal e como apuntou, “un evento que chega á súa VII edición é un evento consolidado e que é referente, non só en Galicia, senón en todo o Noroeste peninsular”. 

“O Pont-Up pon este ano o foco na internacionalización e tamén na dinamización de espazos rurais, que son dous obxectivos nosos. O evento coincide coa nosa vocación de Goberno de axudar aos emprendedores locais”, indicou López Font.

Pola súa banda, Pedro Figueroa incidiu no feito de que, dende un primeiro momento (o programa empezouse a deseñar xa no mes de xaneiro), foi necesario facer “moitos cambios”, pero “este é precisamente un evento de emprendemento e tivemos que comportarnos como emprendedores”. “Iso é o que se chama resiliencia -aseverou Figueroa- e é o que representa o espírito do Pont-Up. Convido a toda á xente e aos emprendedores a animarse a participar porque neste tipo de actividades reside o futuro do noso país”.

Segundo confirmou, o evento tivo “o mesma cantidade de candidaturas que o ano pasado, procedentes de toda Galicia, non só das grandes cidades, senón tamén das vilas e do mundo rural”. Figueroa precisou que “o lema deste ano era O Camiño, un Camiño que continúa e que vai ter unha etapa máis”, agardando que carpa se poida instalar na Praza de España “no mes de outubro”, cun aforo máximo de 300 persoas e dúas zonas únicas de acceso.

Pedro Figueroa adiantou que, na programación, se lograron manter “practicamente tódolos espazos, aínda que fora cando menos con algunha actividade”, contando con espazos para Gaming (cunha forte aposta polos videoxogos), Desenvolvemento de Competencias e Economía Social ou Innovación Social e mesas sobre mulleres hackers ou títulos tan suxerentes como ‘Como deseñar a vacina para frear os efectos da Covid-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking’.

O programa completo desta VII edición do Pont-Up pode consultarse a través do enlace ‘https://pontupstore.com/programa/’, no que aparecen tanto as actividades de formación online como aquelas que foron adiadas por mor das restricións impostas pola Xunta.