Peche da avenida da Coruña por avance das obras de reforma

33
  • Dende onte pola tarde están autorizados residentes e servizos para manter a actividade económica da zona do Burgo.
  • É un primeiro paso para estender o Efecto PO2 a todo o barrio, que continuará coa reforma da rúa Santiña, cuxo proxecto coñecerase nos vindeiros meses.

Dende onte pola tarde permanece pechada ao tráfico a avenida da Coruña (dende Pasarón á Ponte do Burgo) para poder continuar co avance das obras de reforma. A  Concellaría de Obras, que xestiona Demetrio Gómez, e a Policía Local autorizan o paso a residentes e servizos para manter a actividade económica do barrio.

A obra da avenida da Coruña é o primeiro paso dun proxecto máis ambicioso que consiste en integrar o barrio do Burgo dentro do Efecto PO2, de feito, nos vindeiros meses coñecerase outro do proxectos máis importantes do mandato: a reforma da rúa da Santiña.

Ao respecto da avenida da Coruña en concreto, o obxectivo é integrar esta parte do barrio dentro do modelo eliminando o tráfico innecesario: de paso e de axitación (que busca estacionamento), e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizará a mobilidade peonil en toda a área.

O proxecto de reforma superficial da avenida da Coruña ten un custe de 191.869,66 euros e consiste en:

  • Inverter o sentido de circulación do treito de Luís Otero e Leonardo Enríquez, que rodea o campo de Pasarón que xa ten saída cara a rotonda da avenida de Compostela.
  • Inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partir da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída da cidade.
  • O treito histórico da rúa da Santiña, o treito máis próximo á ponte do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.
  • Inverter o acceso a avenida da Coruña que se fará dende a Ponte do Burgo cara Juan Bautista Andrade.

Esta reforma implica pequenas obras para cambiar de lugar a zona de estacionamentos de tal xeito que quede situada á man dereita segundo o novo sentido de circulación.