Avanzan a bo ritmo as obras no ámbito do Álvarez Limeses para que estea listo para o curso escolar

17
  • As obras consisten en eliminar os afundimentos e estabilizar as lousas movidas nun gran pano de beirarrúa. 
  • Joaquín Costa volverá a estar aberta ao tráfico ao longo do martes.

A área de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona a concelleira Eva Vilaverde, iniciou esta semana traballos para o acondicionamento da contorna do colexio Álvarez Limeses, situado na rúa Joaquín Costa que presentaba afundimentos e lousas movidas. Esta obra está incluída dentro do plan de acondicionamento das contornas dos centros educativos para que estean en boas condicións de uso no inicio do curso escolar, o vindeiro 10 de setembro.

As obras obrigaron ao peche da rúa, con acceso só a residentes e servizos, até o próximo martes, 8 de setembro.

Trátanse de pequenas reparacións, en moitos casos, con arranxos de pavimento deteriorado, afundido, roto, ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. Tamén, se procede ao arranxo de mobiliario e doutros elementos urbanos que poidan presentar algún tipo de desperfecto. 

Estes traballos de mantemento, que se estenderán durante as vindeiras semanas ata completar a revisión e acondicionamento de todas as contornas dos centros de ensino, forman parte do calendario establecido desde que entrou en funcionamento o contrato de mantemento de espazos públicos o pasado mes de abril. Desde entón a empresa adxudicataria, COVSA leva realizando labores de reparación na denominada ‘zona 1’ (que abrangue a área máis comercial do centro urbano) coa substitución de pavimento, recolocación de lousas de pedra e reparación de entradas de garaxes; ao tempo que acometeu a rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se detectou algún tipo de desperfecto tras o período do confinamento, e traballos de reparación de avarías na iluminación pública e pintado de farois e semáforos que presentaban corrosión.