Dúas ofertas para crear a aplicación informática que rexerá o transporte a demanda

46
  • Unha das ofertas é unha UTE con maioría galega, e a segunda unha empresa radicada en Madrid.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta semana para coñecer as ofertas empresariais presentadas para a creación da aplicación informática que rexerá o transporte a demanda en Pontevedra. Esta aplicación ao igual que a proposta de explotación do servizo, son dous proxectos incluídos dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integral (EDUSI) “Máis modelo Pontevedra” financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE.

As empresas que se presentaron a este concurso aberto foron:

  • Innopulse Asesores Tecnológicos, S.L. con sede en Madrid
  • UTE Demesix-Sicom-Zitycard. UTE de empresas galegas (Grupo Alvariño) e de Zaragoza.

O obxectivo desta aplicación informática é determinar como vai funcionar o mecanismo de transporte a demanda. A licitación deste contrato sae por un importe de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses.

A primeira reunión da Mesa de Contratación serviu para abrir as dúas ofertas e determinar tiñan adxunta a documentación administrativa correcta.

Dous contratos para activar o transporte a demanda

A posta en marcha do transporte a demanda en Pontevedra conta con dous contratos previos á súa activación: por un lado, a aplicación informática que permitirá establecer como funciona o servizo; e por outro, a proposta de explotación do transporte colectivo a demanda ao que se presentaron 5 empresas: 1. Consultora Alomon S.L; 2. Eptisa Servicios de Ingeniería S.L.; 3. Iceacsa Consultores S.L.U.; 4. Idvia 2020 Horizonte 2020 S.L.; 5. UTE Mcrit S.L. – Seteoitavas Coop.G.

Este segundo contrato ten un orzamento de 102.850 euros e un prazo de execución de 11 meses.

O obxectivo deste segundo proxecto é analizar como se comporta a mobilidade -sobre todo nas parroquias- para poder buscar solucións acaídas, tanto no que ten que ver coa fórmula técnica pero tamén coas fórmulas legais.

O Concello segue dando pasos cara adiante para que o inicio de ambos contratos se poida facer a final de ano, logo de que a súa licitación estivese parada con motivo da pandemia da COVID-19.

Prioridade de mandato

O transporte a demanda é unha aposta prioritaria do actual mandato de Miguel Anxo Fernández Lores que vai marcar un antes e un despois na mobilidade do concello. 

O proxecto ‘A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade’ encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).