Peche de Joaquín Costa para reparar os accesos ao CEIP Álvarez Limeses

20
  • Será este xoves, 3 de setembro e prolongarase ate o martes, día 8. Estará autorizado o paso a residentes e servizos.
  • A actuación está incluída dentro do plan de revisión dos espazos lindeiros dos centros de ensino que puxo en marcha a Concellaría de Mantemento dos Espazos Públicos que xestiona Eva Vilaverde.

As obras nas contornas dos centros de ensino avanzan a bo ritmo para preparar a chegada dos rapaces e rapazas a partir da vindeira semana. A Concellaría de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona Eva Vilaverde actuará esta semana, a partir do xoves, 3 de setembro, no ámbito do colexio Álvarez Limeses o que obrigará a pechar a rúa Joaquín Costa, dende Sagasta a Blanco Porto, até o vindeiro martes, 8 de setembro.

Só estará autorizado o paso aos servizos e residentes.

O traballo que a Concellaría de Mantemento do Espazo Público puxo en marcha quere revisar as zonas lindeiras aos centros de ensino co obxecto de acometer as pequenas reparacións que sexan necesarias para que estas áreas estean en condicións óptimas de mantemento nos inicios do curso escolar.

As reparacións estanse centrando, maioritariamente, no pavimento deteriorado, afundido, roto, ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. Tamén se arranxará o mobiliario e outros elementos urbanos que poidan presentar algún tipo de desperfecto. 

Estes traballos de mantemento, que se estenderán durante as vindeiras semanas ata completar a revisión e acondicionamento das contornas dos centros de ensino, forman parte do calendario establecido desde que entrou en funcionamento o contrato de mantemento de espazos públicos o pasado mes de abril. 

Desde entón a empresa adxudicataria deste contrato, COVSA leva realizando obras de acondicionamento na denominada ‘zona 1’ (que abrangue a área máis comercial do centro urbano) coa reparación de pavimento, recolocación de lousas de pedra e reparación de entradas de garaxes; ao tempo que acometeu a rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se detectou algún tipo de desperfecto tras o período do confinamento, e traballos de reparación de avarías na iluminación pública e pintado de farois e semáforos que presentaban corrosión.