#PonteLovers celebrará o vindeiro martes un webinar para formar ás empresas no emprego e utilidades do novo portal de comercio online ‘E-Ponte.com’

105
  • Yoya Blanco anima ás pemes a completar os seus datos de rexistro no correo ‘soporte@e-ponte.com‘ e a participar no seminario web a través do enlace https://meet.google.com/vxx-skwd-skm  

A plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, celebrará o vindeiro martes 1 de setembro ás 21:30 horas un webinar destinado a formar ás pequenas e medianas da cidade sobre o emprego e utilidades do novo portal de comercio online de Pontevedra ‘E-Ponte.com‘. O seminario web, o primeiro dunha serie deles que o departamento que dirixe Yoya Blanco ten previsto desenvolver coincidindo co lanzamento da e-tenda, poderase seguir mediante o enlace https://meet.google.com/vxx-skwd-skm.

En paralelo a estas formacións online, #PonteLovers tamén puxo en funcionamento o correo electrónico ‘soporte@e-ponte.com‘, que permitirá acompañar ás empresas no correcto rexistro e solicitar citas virtuais de luns a sábado en horario de 9:00 a 23:00 horas. Tal e como lembra Yoya Blanco, ‘E-Ponte.com‘ é unha ferramenta “orientada a achegar os negocios á cidadanía”, polo que resulta esencial que as firmas “finalicen o rexistro dos seus datos, produtos e servizos para que estes poidan ser visualizados a golpe de ‘click’”. 

“A idea de crear este sitio web -sinala a edil socialista- naceu durante o confinamento, como parte do noso proxecto para reactivar e dinamizar a economía do municipio, e porase totalmente en funcionamento para o público nos vindeiros días. Trátase dunha solución tecnolóxica que permite dixitalizar o portafolio de produtos e servizos dos empresarios pontevedreses baixo un único dominio, ‘www.e-ponte.com‘. Xa contamos con máis de 80 pemes de distintos sectores rexistradas e agardamos que sexan moitísimas máis unha vez que estea a pleno rendemento”.

A Concellería de Promoción Económica e Turismo xa pechou acordos coa entidade bancaria Abanca e Correos para a xestión da plataforma de pagamentos e o servizo de reparto dos produtos do marketplace. Yoya Blanco anima a tódalas empresas interesadas a inscribirse de xeito gratuíto na opción ‘Rexistrarse’ do propio portal web e, a aquelas que xa o fixeran, a cumprimentar os datos que faltan, a incluír logotipos e fotos dos seus negocios e a crear produtos para poder dalos de alta cando a aplicación xa estea operativa ao 100%.

No que atinxe ás xornadas formativas sobre o funcionamento do portal, Blanco tamén convida aos propietarios das pemes a escribir ao email ‘soporte@e-ponte.com‘ para indicar o día e hora que mellor se adapte á súa dispoñibilidade.