A gran festa da pesca submarina volve o domingo ao paraíso das Rías Baixas e á Praza da Verdura coa XXII edición do Campionato Virxe Peregrina

42
  • A competición, organizada polo Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase pola mañá na Praia da Barrosa e a pesaxe terá lugar na Verdura a partir das 16:30 horas
  • Pintos, maragotas, sargos e lubinas atópanse entre os peixes máis capturados nun campionato que soe superar os 50 inscritos e ao que veñen participantes doutros puntos de España e Portugal

Entre estritas medidas de seguridade que obrigaron a modificar algunhas das súas vellas costumes, a XXII edición do Campionato Virxe Peregrina de Pesca Submarina, organizado polo Club Turísico-Cultural Subacuático Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello de Pontevedra, aspira a converterse de novo o vindeiro domingo 30 de agosto nunha gran festa da pesca submarina. O evento foi presentado esta mañá nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; o presidente do Club Sotavento, José Area, e o seu secretario, Héctor Costa, desenvolverase na modalidade de infantería individual e rexerase polo Regulamento de Pesca Submarina da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS). Como vén sendo habitual, os participantes daranse cita na Praia da Barrosa (San Vicente do Mar) a partir das 8:00 horas.

“Alí presentarase a documentación -indicou Iván Puentes- e firmarase a inscrición xunto cos outros documentos imprescindibles dacordo coa actual situación derivada da Covid-19. Ás 9:00 horas darase a saída para que cada deportista se desprace ás súas zonas de pesca, co obxectivo de que tenten capturar a maior cantidade de peixes que cumpran cos pesos establecidos”.

As zonas de pesca abranguen o espazo comprendido entre a Praia de Canelas e o Peirao de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. Por razóns de seguridade e control, a saída será dende a Praia da Barrosa e deberá saírse da auga no mesmo punto (saír doutro punto e chegar a pé será motivo de descualificación).

A xornada de pesca darase por finalizada en torno ás 13:00 horas e, unha vez entregadas as capturas e efectuado o avituallamento (un bocadillo quente para recuperar forzas), os peixes desprazaranse ata Pontevedra nun vehículo isotermo para proceder coa pesaxe, a entrega de trofeos e o sorteo de agasallos para os participantes (gafas de buceo e camisetas, entre outros). Tal e como constatou José Area, “a pesaxe terá lugar na Praza da Verdura arredor das 16:30 horas e, a diferencia doutros anos, ao rematar non se celebrará a habitual merenda de confraternización, senón que se substituirá por uns refrescos nalgún establecemento hosteleiro da propia praza”.

Uns fondos que nada lle teñen que envexar ao Caribe

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible felicitou ao Club Sotavento “por non renderse e seguir apostando por manter esta actividade a pesar das dificultades deste ano”, contribuíndo así a soster “unha axenda cultural, deportiva e festiva en condicións de seguridade”. Na súa opinión, o Campionato Virxe Peregrina de Pesca Subamarina é fundamental para contribuír a visibilizar “os recursos mariños tan espectaculares que temos nas Rías Baixas e un deporte marabilloso polo que a xente paga fortunas por ir fóra a practicalo, cando aquí contamos cunha riqueza absolutamente incrible”.

Neste mesmo sentido, José Area asegurou que “temos unha das maiores riquezas do mundo” nos fondos submarinos das nosas rías, cunhas especies e cores que “non desmerecen en nada aos do Caribe” e que unicamente precisan dunha luz para poder admirarse. O presidente do Club Sotavento agradeceu o compromiso dun Concello que leva “anos colaborando” con este proxecto e afirmou que o Campionato celebrarase co máximo “compromiso e responsabilidade”.

Pola súa banda, Héctor Costa lembrou que o Virxe Peregrina é a competición galega con maior número de participantes, superando outros anos a cifra dos 50 inscritos e contando con buzos procedentes doutros puntos de España (Asturias, Madrid, Cantabria, País Vasco, Toledo…) e mesmo de Portugal. “Aínda que o Campionato será un pouco diferente, ao non ter a tradicional comida de confraternización nin os grupos que se soían formar e precisar estar atentos á mascarilla, non varían os lugares de pesca e de pesaxe. Na saída, espallaremos aos participantes ao longo da Praia da Barrosa para que a poidan facer xuntos. O emprazamento e a duración da competición (catro horas no lugar das cinco habituais) están pensados para a numerosa xente que está comezando que soe inscribirse no Virxe Peregrina”, apuntou Costa.

Segundo explicou, os exemplares que máis soen capturarse son pintos, maragotas e sargos, aínda que tamén algunha lubina e peixe ‘ballesta’ (antes tamén se permitía a pesca de congros no regulamento, pero agora mesmo está prohibida).