A plataforma #Pontelovers iniciará no mes de setembro as mentorías do seu plan para mellorar a competitividade das pemes turísticas do concello

71
  • As sesións para o deseño de estratexias empresarias beneficiarán a unha trintena de firmas, das que un 84% pertence aos ámbitos do aloxamento, as axencias de viaxes e a restauración 

O proxecto de apoio e mellora da competitividade das pemes turísticas impulsado pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers en colaboración coa firma especializada Innovaris Galicia entrará o vindeiro mes na súa segunda fase coa posta en marcha de mentorías destinadas á análise e deseño de estratexias empresariais concretas. As sesións, coas que se pretende ofrecer un acompañamento profesionalizado para optimizar os esforzos de cara a esta complicada etapa derivada da Covid-19, beneficiarán a unha trintena de empresas vencelladas ao turismo, das que un 84% pertencen aos ámbitos do aloxamento (32%), as axencias de viaxes e os turoperadores (24%) e a restauración (28%). 

Tal e como lembra a promotora da iniciativa, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, o proxecto iniciou a súa primeira fase en xullo, co obxectivo de “acompañar e fomentar o sostemento da actividade económica, dando respostas e solucións ás empresas do sector turístico, combinando un proceso participativo, de análise e de formación e entregando ferramentas e solucións de xestión”. “Durante a fase inicial -explica a socialista- contactouse coas pemes e as asociacións empresariais máis representativas da cidade, analizáronse unha a unha as necesidades máis demandadas a través dun formulario, coñecéronse directamente as súas necesidades inmediatas referentes a xestión empresarial e procedeuse á realización dunha base de datos actualizada e a un seguimento constante das mesmas”.

Entre as temáticas sobre as que se detectou un maior interese por parte das pemes participantes destacan a xestión de vendas e márketing e a planificación estratéxica e de riscos. A aplicación de sistemas de control de calidade, o control de contas e finanzas e o seguimento dos recursos humanos son outras das cuestións máis valoradas á hora de recibir asesoramento.

Tras esta avaliación e análise efectuada conxuntamente polos técnicos de Innovaris Galicia e da Concellería de Promoción Económica e Turismo, seleccionáronse unha serie de ferramentas e solucións para as empresas rexistradas no plan municipal e puxéronse á súa disposición a través dunha plataforma dixital. Mediante esta última, #PonteLovers estalles a ofrecer cobertura e a facilitar ‘pílulas’ formativas e informativas e instrumentos de xestión para mellorar a súa competitividade.

Dez sesións de mentoría nos vindeiros meses

Segundo constata Yoya Blanco, “nesta segunda fase do proxecto terán lugar as sesións de mentorización para a avaliación das estratexias empresariais, a análise de viabilidade e a elaboración de plans específicos”. “Serán dez sesións de mentoría -subliña a concelleira do PSOE- para un grupo dunha trintena de pemes, que se van desenvolver entre os meses de setembro e outubro. As firmas participantes realizarán unha autoavaliación inicial sobre aspectos vencellados coa xestión empresarial, promoción e venda dos seus negocios, con especial énfase en actividades de comunicación e márketing dixital. Queremos que teñan unha visión xeral dos seus puntos fortes e febles e establecer unha orde de prioridades para o uso dos contidos da web”.

Dende a plataforma dixital estase a ofrecer contido específico en diversas temáticas de interese para o empresariado, como recursos municipais dirixidos a pemes, información sobre impostos e taxas nos diferentes sectores, inventario de espazos coworking do concello e doutros modelos colaborativos ou recursos para o emprendemento. Asemade, as pemes dispoñen dun espazo específico na plataforma no que se irán poñendo ferramentas de xestión relacionadas con temáticas de interese xeral para os xestores (detectadas na fase inicial).

Yoya Blanco agarda que “acción a acción, se poida acadar o obxectivo esencial deste proxecto, que non é outro que estar a carón das pemes turísticas, ofrecer apoio a un sector duramente afectado pola situación actual e fortalecer a súa actividade económica”.