O zafarrancho de limpeza e roza do rural atendeu xa a case o 50% da poboación das parroquias

25
  • Están rematadas Lérez, Lourizán, Salcedo, Ponte Sampaio e Canicouva. Tomeza está moi avanzada e poderase iniciar Marcón na vindeira semana.
  • Catro brigadas traballan desde mediados de xuño en retirar maleza, entullos, adecentar espazos públicos como parques infantís, lugares centrais das parroquias, espazos de encontro… de xeito detido e minucioso para garantir unha limpeza máis duradeira.

O bo tempo das últimas semanas permitiu imprimir un moi bo ritmo ao plan de roza, limpeza e mantemento dos espazos públicos rurais que acomete a Concellaría de xestión de residuos e limpeza de espazos públicos, que dirixe Raimundo González, nas 15 parroquias do rural. De feito, traballa co horizonte de completar os centos de quilómetros de vías municipais e espazos públicos en xeral, en todo o rural a mediados do mes de agosto. 

A día de hoxe, as brigadas habilitadas para estes labores están a piques de rematar a parroquia de Tomeza para pasar a Marcón. Na actualidade están atendidas Lérez, Lourizán, Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva, e gran parte de Tomeza, onde reside máis do 45% da poboación do rural.

Pendentes quedan para as vindeiras catro semanas Marcón (que poderá comezar na vindeira), Bora, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Cerponzóns, Alba, Campañó e Mourente.

Este zafarrancho xeral do rural atende tanto a limpeza e roza nas vías municipais, como en zonas verdes, lugares de centralidade parroquial, parques infantís e espazos públicos en xeral no que participan catro brigadas con tres tractores de roza, maquinaria pequena e traballo manual.

Para que a limpeza sexa duradeira, as brigadas traballan minuciosamente, o que pode ralentizar un pouco máis os traballos, pero supón unha garantía para todo o verán.  Con esta premisa fanse rozas da herba e da maleza que crece nas marxes das vías municipais con dous tractores nos lugares que permite o uso desta maquinaria. No caso de espazos nos que non se pode utilizar, a roza é manual; Recóllense os restos desas cortas por un equipo que pecha a brigada, encargado, tamén, do soprado das marxes.

Os espazos de centralidade parroquial, os torreiros das festas, os parques infantís tamén entran dentro deste gran zafarrancho de limpeza e roza que o departamento que dirixe Raimundo González está a realizar no rural.

Este plan non só se está a realizar nos ámbitos propiamente rurais, senón tamén nas zonas periurbanas (Mollavao, Monte Porreiro-Mourente…) que tamén requiren de atención por non ter unha condición estritamente urbana. Nestes casos tamén se traballa cun tractor e unha brigada, e nos puntos nos que non se pode traballar con maquinaria, as rozas fanse a man.

Traballos agardados polos veciños

O concelleiro responsable deste gran zafarrancho, Raimundo González asegurou estar “satisfeito co ritmo e o resultado dos traballos que se están a realizar”. Recoñeceu que “son uns labores moi agardados polos veciños e veciñas das parroquias do rural coa chegada do verán, xa que trata de controlar o crecemento das malezas, retirar os entullos e arranxar os desperfectos que se foron rexistrando durante o inverno”, por iso tamén quere agradecer a espera dos residentes das parroquias do rural nos que aínda está por chegar este plan de limpeza e roza. O Concello realiza un plan parroquial seguindo criterios de aproveitamento ao máximo das brigadas que están a traballar nestes labores dende mediados de xuño.

O Concello sempre inicia estas rozas anuais pasada a primavera e nas vésperas do verán, para que todos os espazos públicos do rural luzan en bo estado e poidan ser empregados con confianza e tranquilidade por parte dos veciños e veciñas de Pontevedra.