- A mudanza farase en tres días nos que os servizos implicados permanecerán pechados á atención ao público.
- Dende o xoves as novas dependencias municipais en Ferreiros estarán ocupadas ao 100% por 70 traballadores públicos das áreas de Tesourería e Urbanismo.
A Concellaría de Réxime Interior, xestionada por Anabel Gulías, continúa a impulsar a mellora das instalacións municipais para crear unha administración moderna e adaptada ao século XXI, e tamén aos novos tempos da Covid. Logo do traslado das oficinas económicas á nova sede municipal da rúa Ferreiros (Tesourería, Xestión Tributaria e Inspección Tributaria), agora tócalle a quenda á área de Urbanismo.
O luns 13 comezará o traslado dos servizos instalados agora no edificio de Churruchaos e tamén no Teatro Principal. Está previsto que a mudanza se prolongue até o mércores, 15 de xullo.
Nesta ocasión os servizos implicados serán os de Urbanismo e a Oficina Técnica de Licenzas (radicadas na actualidade no edificio municipal de Churruchaos) e a Oficina de Rehabilitación ARI e Disciplina urbanística e policía administrativa (situadas no Teatro Principal).
Mentres dure o traslado, as catro oficinas permanecerán pechadas ao público e volverán a abrir a atención ao cidadán o xoves, 16 de xullo.
Nestas novas dependencias traballan dende o pasado 8 de xuño os departamentos de Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, Tributos e Inspección.
Esta nova sede municipal ten unha superficie de 1.328 m2 divididos en dúas plantas, unha de 600 m2 e outra de 728 m2.
Unha vez que se materialice o traslado do departamento de Urbanismo, as novas oficinas municipais acollerán a 70 funcionarios: 30 postos de xestión económica na planta baixa e 40 postos na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.