Deportes incrementará o seu orzamento en 275.000 € e liberará outros 63.500 para axilizar as axudas de 2019 e afrontar as medidas sanitarias derivadas da Covid-19

75
  • Tino Fernández explica que o aumento orzamentario levarase a cabo a través da vindeira modificación de crédito e liberando achegas asignadas a eventos deportivos e subvencións nominais

A Concellería de Deporte, Actividade Física e Saúde incrementará proximamente o seu orzamento en 275.000 euros e redirixirá achegas que estaban consignadas a outras partidas por valor de 63.500 euros co dobre obxectivo de axilizar ao máximo o pago das subvencións anuais de 2019 e facer fronte ás estritas medidas sanitarias de prevención e control das instalacións deportivas derivadas da Covid-19. O departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, iniciou nos pasados días o expediente para promover unha nova convocatoria de axudas a entidades deportivas correspondente á tempada 2018-2019, finalizando a redacción das bases e establecendo para o financiamento das mesmas un importe global de 300.000 €.

Tal e como precisa Fernández, Deportes pretende dispoñer desta cifra grazas ao suplemento de crédito xa mencionado por incorporación de remanentes líquidos de tesourería por importe de 275.000 € e a unha minoración de crédito por valor de 25.000 €, procedentes da partida consignada a eventos deportivos e saúde.

O edil socialista explica que, con motivo da situación provocada pola pandemia da Covid-19, “os obxectivos fixados na área de Deportes para o ano 2020 tiveron que adaptarse á nova realidade, o que provoca un incremento de gastos non contemplados en certas aplicacións que dan cobertura económica a cuestións derivadas da hixiene e seguridade nas instalacións e actividades deportivas”. “Ademais, como é lóxico, tamén se cancelaron ou modificaron moitos programas de promoción da actividade física e o deporte previstos para o presente exercicio. Por este motivo, e para poder adaptar a situación económica á realidade derivada da nova normalidade, así como para desenvolver aqueles obxectivos fixados para este ano, vémonos na obriga de incrementar o noso orzamento e de redistribuír determinadas partidas”, subliña Tino Fernández.

A Concellería de Deportes tamén incrementará en 38.500 € as aplicacións orzamentarias orientadas a dar cobertura ás novas necesidades hixiénico-sanitarias e de control nas instalacións e actividades deportivas. En base á proposta do Servizo Municipal de Deportes, dita suma procederá da anulación do crédito destinado á tres subvencións nominativas (dúas delas de 15.000 euros e a outra de 8.500), “ao non poder desenvolver o convenio previsto para a organización das correspondentes actividades por mor da pandemia”.

As subvencións de 2019 estrearán a nova App

Tino Fernández lembra que as subvencións anuais de 2019 serán as primeiras en tramitarse a través da App ‘deportepontevedra.cluber.es‘, que axilizará e simplificará moitísimo a tramitación das axudas, tanto para a fase de solicitude como para a de xustificación. Asemade, os clubs poderán empregala para facer novos socios e inscricións online, automatizar as cotas do deporte base, vender entradas ou material e enviar comunicados a socios e pais. O Concello de Pontevedra farase cargo da cota de alta e dun ano de mantemento para tódolos equipos.

Para comezar a utilizala, os clubs deben rexistrarse cun número de teléfono, unha dirección de correo electrónico e un contrasinal. A partir de aí, poderán inscribir ao equipo na subvención e comezar coa súa tramitación, cubrindo un formulario online que terán a posibilidade de gardar paso a paso e de continuar no mesmo punto outro día. Unha vez completada a información en tódolos pasos, deberán premer no boton ‘Finalizar e descargar’ e subir o documento descargado na sede electrónica do Concello.