A escritora María Reimóndez faise co I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade

113
  • A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, salienta “a alta calidade das obras presentadas a este pioneiro certame, un total de 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil”
  • A presentación da peza gañadora, titulada ‘Cobiza’, tivo lugar esta mañá na Praza de España nun acto que contou coa presenza do director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso

A escritora lucense afincada en Vigo María Reimóndez foi a autora galardonada co I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado pola Concellería de Igualdade en colaboración coa editorial Xerais, grazas á súa obra ‘Cobiza’. Trátase dunha novela distópica do xénero de ciencia ficción, da que, tal e como explicou a edil Paloma Castro, o xurado destacou “a súa altísima calidade literaria e a novidosa e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e o xénero, as identidades e as orientacións sexuais, así como unha fonda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro no noso planeta despois da crise mundial da Covid-19”.

A presentación da peza gañadora desta primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota tivo lugar esta mañá na Praza de España, nun acto no que participaron, ademais de Castro e da propia Reimóndez, a docente Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia e membro do xurado. Ojea subliñou “a alta calidade das obras presentadas a este pioneiro certame, un total de 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil”.

O xurado, reunido o pasado luns 22 en Pontevedra para valorar as pezas entregadas e dirimir o nome da gañadora, estivo formado por Ana Ojea, a coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero, en representación da Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra; a tamén docente Anxos Rial, profesora do IES Sánchez Cantón e coordinadora de clubs de lectura xuvenís, e a escritora Eva Mejuto, coordinadora do programa municipal pola diversidade Pinto e Maragota. Ademais de votar por maioría a obra presentada por Reimóndez co título de ‘Cobiza’, os membros do xurado tamén resaltaron “a calidade e interese” de dúas obras: o poemario que se presentou co título de ‘Contra Natura’ e a obra xuvenil ‘As Sentinelas do Silencio’.

A concelleira de Igualdade lembrou que o Premio Pinto e Maragota, “o primeiro certame literario galego que se centra no ámbito LGTBIQ”, está dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros. “O traballo premiado -sinalou- será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará con María Reimóndez un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual”.

Pola súa banda, María Reimóndez amosouse “orgullosa” de terse convertido “na primeira gañadora deste premio” e de “ser recoñecida entre as iguais, porque son unha persoa cunha traxectoria e sempre é un desafío enviar unha novela anónima con este tipo de contidos, que máis que tratar unha temática, plantexan unha ollada ou perspectiva”. Reimóndez afirmou que este tipo de iniciativas son unha oportunidade para reivindicar e lembrar que, para autoras non heterosexuais como ela, existen “aínda moita oposición e moita violencia por parte da crítica” cando presentan as súas obras.

María Reimóndez

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Prolífica e multipremiada autora que ten unha extensísima obra en narrativa, poesía, tradución e ensaio e un claro compromiso nas súas obras por visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. O seu primeiro libro publicado foi o poemario ‘Moda Galega’ (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en ‘Moda Galega reloaded’ (2013). Posteriormente publicou ‘Kleinigkeiten/cousiñas’ (2013) e ‘Presente continuo’ (2013). En 2017 gañou o Premio de Poesía Johan Carballeira con ‘Galicia en bus’. 

Como narradora, é autora das seguintes novelas: ‘O Caderno de Bitácora’ (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; ‘O club da calceta’ (2006), finalista do Premio Xerais 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena e ao cine; ‘Pirata’ (2009), traducida ao italiano; ‘En vías de extinción’ (2012), traducida ao castelán; ‘Dende o conflito’ (2014), Premio Xerais de Novela; ‘A música dos seres vivos’ (2015); ‘A dúbida’ (2016), Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas; ‘As cousas que non queremos oír’ (2017) e ‘As estacións do lobo’ (2019). 

No ámbito da literatura infantil e xuvenil, é autora de ‘Usha’ (2006), finalista do Premio Merlín 2005, ‘Lía e as zapatillas de deporte’ (2008), ‘O monstro das palabras’ (2009), ‘Volvo! O regreso de Usha’ (2014), ‘Corredora’ (2017), e ‘A formiga destemida’ (2020). 

Como ensaísta publicou ‘Feminismos’ (2013), en coautoría con Olga Castro, ‘A alternativa está aquí’ (2014) e ‘Corpos exorbitantes’ (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez á autora do ano e tamén recibiu o Premio Agustín Fernández Paz pola obra xuvenil ‘Fóra do normal’, na que toca a temática da transexualidade infanto-xuvenil.