O Goberno Local esíxelle á Xunta que estableza dunha vez uns protocolos de desinfección e uns criterios de aforo claros para os parques infantís

34
  • Os concelleiros Iván Puentes e Alberto Oubiña calculan que a limpeza e desinfección rutinarias das 60 zonas de xogo existentes na cidade “custaríalles aos pontevedreses uns 1.400 euros diarios”
  • O edil de Medio Natural pídelle a Feijóo, “o Poncio Pilato de Monte Pío, que non lave as mans, non ‘empaquete’ aos concellos as súas responsabilidades e deixe de xogar coa saúde dos pequenos”
  • O concelleiro de Parques do Rural advirte dos riscos que conlevaría “unha falsa sensación de protección”, que pode levar a cometer “despistes que se poderían traducir nun rebrote difícil de controlar” 

Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Parques do Rural, Iván Puentes e Alberto Oubiña, esíxenlle á Xunta de Galicia “que estableza dunha vez uns protocolos de limpeza e desinfección e uns criterios de cálculo de aforo claros para poder iniciar a reapertura gradual dos 60 parques infantís de Pontevedra”. Os edís calculan que a realización desa asepsia diaria integral á que obriga a resolución autonómica, “de luns a domingo, xogo a xogo e en cada superficie” das zonas de lecer infantil, “custaríalles aos pontevedreses medio millón de euros ao ano, é dicir, 1.400 euros ao día”.

Segundo explican Puentes e Oubiña, para levar a cabo este tipo de desinfeccións en profundidade en tódolos parques da cidade “teríamos que dispoñer de catro equipos de dúas persoas traballando de xeito simultáneo, tendo en conta que eses oito operarios tamén terían que librar e descansar algún día, polo que habería que contratar alomenos a 12 traballadores para adicarse exclusivamente á desinfección das zonas de xogo”. 

A isto habería que engadirlle o custe dos materiais e produtos específicos que se empreguen, xa que, como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “entendemos que a Xunta non se refire a un simple baldeo”.

Coa finalidade de que se aclaren canto antes “os termos cos que a Xunta entende que se cumpre con esa desinfección”, o Servizo de Parques e Xardíns ven de remitirlle á Consellería de Sanidade un escrito no que se lle solicita “unha indicación detallada ou instrución oficial sobre os procedementos e produtos a empregar” para non contravir a resolución publicada no DOG o pasado sábado. “Tamén queremos que se nos digan os criterios que hai que seguir para calcular os aforos, xa que unicamente se establece a fórmula dunha persoa por cada catro metros cadrados, pero non se nos aclara se serían computables a estes efectos as superficies de debaixo dos elementos de xogo ou os perímetros de seguridade, que por lei non poden ser ocupados por usuarios”, subliña Iván Puentes.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural asegura que, se ben o Concello xa dispón dos dispensadores de xel hidroalcohólico para instalar nas áreas de acceso aos parques infantís “e non levaría moito tempo elaborar a cartelería” coas recomendacións recollidas no DOG, “é unha irresponsabilidade reabrir os parques sen uns protocolos precisos” e sen saber se “resulta preceptivo establecer a obrigatoriedade de uso de máscara e luvas como medidas de protección física ou chegaría con indicar unha distancia mínima de 1,5 metros nos carteis”. “Rógolle ao señor Feijóo que non se convirta no Poncio Pilato de Monte Pío, que deixe de lavarse as mans, que non ‘empaquete’ aos concellos as súas responsabilidades e que non xogue coa saúde dos máis pequenos”, afirma Iván Puentes.

“Queremos saber que axudas autonómicas chegarán aos concellos”

Tanto Puentes como Oubiña esíxenlle á Xunta que, tendo en conta que os requirimentos derivados da resolución implicarían un elevadísimo investimento, así como o inicio de novos expedientes de licitación para a contratación dos servizos, que informe das axudas autonómicas que se destinarán a cubrir estes gatos e dos documentos administrativos que se requirirían (memorias valoradas, proxectos, facturas proforma…). Tal e como apunta o edil de Desenvolvemento Sostible, “queremos saber cantos deses centos de millóns que o señor Feijóo vai recibir do Goberno central e da UE vai repartir entre os concellos para que poidan respostar economicamente a este novo escenario”.

En opinión de Alberto Oubiña, “é preciso que Feijóo aclare os requisitos de limpeza para a apertura de parques infantís, xa que a súa indefinición pode custarlle miles de euros ao día á veciñanza de Pontevedra”. “E non só iso, senón que a falsa sensación de protección -sostén o concelleiro de Parques do Rural- pode levar a cometer despistes que se poderían traducir nun rebrote difícil de controlar, ao ser imposible localizar aos nenos e adultos que estivesen en cada parque cada día. Semella que queren cargarlle aos concellos un problema que nin eles mesmos son capaces de xestionar para a apertura dos centros escolares, onde controlar un rebrote sería máis sinxelo, ao telos a todos localizados, cousa que non acontece nos parques”.