A Concellería de Educación investirá uns 200.000 euros en obras de reforma e reparación nos centros escolares de Pontevedra de cara ao inicio do curso

262
  • O edil Tino Fernández constata que o seu departamento xa efectuou traballos por valor de máis de 56.500 euros en 18 colexios de Infantil e Primaria nestes primeiros seis meses de 2020

A Concellería de Educación leva investidos dende principios de 2020 algo máis de 56.500 euros na execución de obras de reforma, mellora e reparación dos centros escolares de Pontevedra para a súa posta a punto de cara ao vindeiro ano académico. O responsable do departamento municipal, o socialista Tino Fernández, asegura que “esta cifra verase incrementada ata uns 200.000 euros antes do inicio do curso cun novo paquete de actuacións co que se pretende dar resposta ás necesidades máis perentorias dos 20 colexios públicos de Infantil e Primaria da cidade”. 

“Dentro das súas competencias, o Concello tentará que, neste atípico retorno ás aulas, alumnos e mestres dispoñan de instalacións nas mellores condicións posibles”, avanzou o tenente de alcalde no contexto dunha visita ao CEIP San Benito de Lérez en compañía do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e da directora do centro, Maica Carril, para supervisar os traballos efectuados neste colexio. Tal e como apuntou Fernández, a Concellería de Educación acometeu recentemente no colexio de Lérez obras por 7.691,20 euros, que incluíron o peche da parcela de acceso á zona de Infantil, o arranxo dunha ventá e da porta do ximnasio, a substitución de canalóns e a reposición dunha prancha de poliéster que fora arrincada polo vento no lateral do pavillón.

O edil de Educación constatou que, no que vai de ano, a Administración local tamén executou actuacións noutros 17 centros de Infantil e Primaria de Pontevedra: os CEIP Álvarez Limeses, Campolongo, Crespo Rivas, Barcelos, San Martiño de Salcedo, Cabanas (Salcedo), Carballeira (Lourizán), Ponte Sampaio, Villaverde (Mourente), Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Marcos da Portela, Parada (Campañó) e Santo André de Xeve, e as EEI de Verducido e Fina Casalderrey. 

Achegas de 10.000 euros para o Vidal Portela e A Xunqueira I

Tino Fernández subliña os importantes investimentos realizados no Vidal Portela (10.094,84 €), onde se adecuou o patio exterior e se recheou con xabre e se reparou unha cisterna, e no CEIP A Xunqueira I (9.559,47 €), no que se pintaron o salón de actos e os radiadores do ximnasio, dotouse de novos espellos ao ximnasio e aos baños, adecuouse a entrada para un alumno con diversidade funcional, colocáronse estores enrolables e instalouse un sistema eléctrico de apertura no portal de entrada. 

Tamén se fixeron melloras significativas no CEIP San Martiño de Salcedo, con 4.408,22 € para a reposición de espellos, a optimización da canalización eléctrica e os enchufes e arranxos nunha varanda e a cuberta do centro; o CEIP Campolongo, cunha achega económica de 3.230,12 € para reparar o pavimento do pavillón e realizar arranxos en portas e o peche antipánico dunha porta corredoira, e o CEIP Carballeira (3.069,22 €), no que se pintaron os muros exteriores, a zona de Infantil e o patio, mellorouse o pavimento do parque infantil e reparáronse os azulexos dos baños (moitos deles estaban soltos ou caídos)

No caso do CEIP A Xunqueira II destináronse 2.922,81 € a un recebo de cemento e á reparación dun canalón do pavillón, mentres que no Marcos da Portela se fixo un investimento de 2.314,68 € para, entre outros traballos, reparar os azulexos dun corredoiro, poñer a nivel as arquetas no patio exterior e optimizar a cociña e o peche do local da Anpa. A reforma do patio da EEI Fina Casalderrey ascendeu a 2.550,84 €, a substitución dun canalón e do pavimento de acceso ao CEIP Parada a 1.332,85 €, a substitución e reparación das persianas do CEIP Cabanas a 1.092,30 €, e  a reparación da porta de acceso ao CEIP Santo André de Xeve (forzada nun roubo) e da porta da vivenda do conserxe, así como a instalación dun sistema eléctrico na entrada, a reparación das persianas, o reforzo da parte inferior das portas exteriores e o subministro de resortes pecha portas, a 3.633,11 €.

Nesta lista de actuacións xa executadas tamén figuran a reparación dunha cisterna e dunha billa no CEIP Álvarez Limeses (330,55 €), a reparación dun xogo infantil e a reposición dun vidro roto no CEIP Crespo Rivas (611,80 €), e a instalación dun areeiro e a reparación de dúas ventás no CEIP Ponte Sampaio (1.826,22 €). A Concellería de Educación tamén efectuou traballos por valor de 1.240,60 € no CEIP Praza de Barcelos (incluído o pulido do pavimento interior), de 470,69 € no CEIP Froebel (demolición e sollado de pavimento cerámico no almacén da planta baixa e reparación dunha cisterna) e de 136,83 € no CEIP Villaverde de Mourente (melloras no pavillón).

“Agardo que Feijóo non nos deixe todo o ‘marrón’ aos concellos e ás comunidades educativas e non xogue a face-lo escapista”

O tenente de alcalde manterá mañá unha reunión telemática cos equipos directivos da vintena de centros educativos públicos de Pontevedra coa finalidade de coñecer as súas demandas de cara ao inicio do curso e deseñar un plan de obras prioritarias. Tino Fernández lembra que o Concello “ten unhas competencias limitadas exclusivamente ao mantemento e conservación dos colexios”, polo que “é responsabilidade da Xunta executar os investimentos e melloras de carácter estrutural, máis aínda se cabe cando os centros van ter que adoptar medidas excepcionais de protección contra a Covid-19 e son eles os que teñen que establecer as normas de prevención e garantir o seu cumprimento”. “Agardo que Feijóo abandone esta estratexia de deixarlles todo o ‘marrón’ aos concellos e ás comunidades educativas e non xogue unha vez máis a facer o escapista”, afirma o socialista.