Paloma Castro habilita un servizo con cita previa para axudar a tramitar as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital na aula de informática da Casa Azul

142
  • Unha traballadora municipal asesorará e resolverá as dúbidas dos cidadáns sobre a prestación, mentres que un informático dará asistencia técnica na presentación das solicitudes

O Ministerio da Seguridade Social abrirá mañá o prazo para presentar as solicitudes do novo Ingreso Mínimo Vital (IMV) na súa páxina web ‘www.seg-social.es‘. Co obxectivo de axudar na tramitación a aqueles cidadáns que carecen medios tecnolóxicos e acceso a internet ou que presenten dificultades á hora de completar os formularios, a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, decidiu habilitar un servizo específico de apoio na aula de informática da Casa Azul (na rúa Sor Lucía).

Unha traballadora municipal encargarase de asesorar aos usuarios sobre as características da prestación do Estado e os pasos a seguir para xestionar as solicitudes, resolvendo as dúbidas e confusións que poidan xurdir, mentres que un informático dará asistencia de carácter técnico. Tal e como sinala a concelleira Paloma Castro, “o servizo estará dispoñible dende mañá, cun sistema de cita previa (no teléfono 986 80 43 00 / ext. 7458), eliminando calquera barreira tecnolóxica ou de falta de información que se poida interpoñer na presentación da solicitude do IMV”.

Deste xeito, o Concello de Pontevedra reforzará as catro vías abertas polo Ministerio para informar acerca da prestación: un teléfono gratuíto (900 20 22 22), a web da Seguridade Social, o asistente virtual ISSA e un simulador do IMV. Para que os beneficiarios poidan recabar toda a documentación e non sufran perda de dereitos, en tódalas solicitudes presentadas ata o 15 de setembro retrotraeranse os efectos económicos da prestación ao día 1 de xuño.

Para tramitar as solicitudes os interesados deben presentar a seguinte documentación: acreditación da identidade (DNI/NIE); acreditación da residencia legal en España; certificado de empadroamento colectivo e histórico onde consten tódalas persoas empadroadas no domicilio e a data de antigüidade; libro de familia que acredite a filiación das persoas que forman parte da unidade de convivencia; declaración responsable de ingresos e patrimonio, e outros documentos que poidan ser necesarios en determinados casos (sentencia de garda e custodia, convenio regulador, copia da demanda de separación ou divorcio…).

Os cidadáns poden elixir entre catro canles de solicitude: formulario con identificación electrónica, formulario sen identificación electrónica, correo postal e presencialmente, só con cita previa, nun centro de atención e información da Seguridade Social. “Dende mañá -explica Paloma Castro- asesoraremos, mediante cita previa, a todo aquel que o precise. O IMV é unha prestación histórica, que ademais é compatible con outras como a Risga, e imos facilitar ao máximo a súa tramitación”.