Pontevedra manterá pechados os parques infantís unha semana máis e apostará por reabrilos de xeito gradual

188
  • Iván Puentes e Alberto Oubiña acusan á Xunta de establecer “a golpe de improvisación” uns requisitos “absurdos dende o punto de vista sanitario e absolutamente imposibles de cumprir”
  • O edil de Desenvolvemento Sostible critica ao Goberno de Feijóo por “antepoñer as súas urxencias electorais por dar unha imaxe de normalidade á seguridade dos pequenos e das súas familias”

O Concello de Pontevedra verase na obriga de manter pechados os seus 60 parques infantís alomenos durante unha semana máis, ante os requisitos establecidos pola Xunta “a golpe de improvisación, absolutamente imposibles de cumprir nun par de días e absurdos dende o punto de vista sanitario”. Os concelleiros responsables de Desenvolvemento Sostible e do Rural, Iván Puentes e Alberto Oubiña, cren que “sería unha irresponsabilidade tirar pola borda tódolos esforzos realizados nestes meses pola cidadanía” e apostan por ir reabrindo as zonas de xogo “de xeito gradual”.

Puentes e Oubiña sosteñen que algunhas das medidas de seguridade publicadas hoxe no DOG polo Goberno de Feijóo, como a necesidade de realizar unha desinfección diaria das zonas de xogo ou de establecer límites de aforo, “son materialmente imposibles de cumprir de sábado para luns”. O edil de Desenvolvemento Sostible considera “unha desvergoña que o PP antepoña as súas urxencias electorais por ofrecer unha imaxe de normalidade á seguridade dos máis pequenos e das súas familias”, mentres que o concelleiro do Rural ve “moi incongruente dende o punto de vista sanitario que se acelere a decisión de reabrir os parques infantís e, sen embargo, se manteñan pechados os centros escolares por motivos de prevención”. “Coido que as precaucións que debemos ter á hora de reabrir os colexios, tamén teñen que rexer nas zonas de xogo”, sinala Oubiña.

Tal e como se indica no DOG de hoxe, os parques infantís e espazos de uso público ao aire libre poderán estar abertos ao público sempre que se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto. Segundo subliña Iván Puentes, para poder cumprir con esta restrición “o Concello deberá efectuar antes as medicións e cálculos pertinentes en cada unha das áreas de xogo, así como proceder posteriormente á instalación dos paneis informativos de aforo”. “Unha medición que non resulta nada sinxela -precisa Puentes-, xa non se trata de calcular os metros cadrados totais, dividir entre catro e establecer os aforos, senón que á superficie total debemos restarlle o espazo que ocupan os bambáns, castelos e outros elementos de xogo que non son superficie útil”.

Unha desinfección tan custosa como inútil

A Xunta tamén establece a obrigación de levar a cabo unha limpeza e desinfección diarios destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das áreas infantís ou mobiliario urbano de uso compartido. Iván Puentes lembra que a Concellería de Desenvolvemento Sostible xa completou unha desinfección en profundidade dos parques infantís urbanos con protocolos idénticos aos aplicados nos centros sanitarios e explica que, “á marxe de que resulte imposible establecer un servizo de desinfección diario de sábado para luns, estamos ante unha situación sine die, polo que teriamos que abrir un concurso público e realizar unha contratación cun enorme custe económico para o Concello”. Ambos concelleiros coinciden ademais na “inutilidade” destas desinfeccións diarias, xa que “non resolven o feito de que un elemento de xogo que acabe de tocar un neno poida quedar contaminado e contaxiar ao que o toque a continuación”.

Outra das medidas de seguridade publicadas no DOG é a de contar con xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida (ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade), algo que, como apuntan, “resulta factible e pode ser máis efectivo que as desinfeccións”, pero “require de certo marxe de tempo para instalar os dispensadores”.

Iván Puentes critica que a Xunta “teña a caradura de trasladarlle toda a responsabilidade aos concellos en asuntos tan importantes, mentres mira cara outro lado” e non os dota dos medios económicos necesarios. “Gustaríame que Feijóo nos dixese cantos deses centos de millóns que recibirán do Goberno de España e da UE para a reconstrución -sinala- nos vai dar aos concellos para sufragar uns gastos tan extraordinarios como os de executar unha desinfección diaria en 60 parques infantís”.

Asemade, Puentes considera “algo de natureza dificilmente azarosa” que algúns concellos gobernados polo PP, como o de Marín, “actuasen como se, movidos por unha intuición divina, coñecesen dende hai varios días os requisitos que ían impoñer na reapertura das zonas de xogo”. “Semella que os amigotes de Feijóo manexan información privilexiada. A manobra electoralista é de primeiro curso de populismo, pero agradeceríalle á Xunta que non frivolizase en cuestións que afectan á seguridade dos máis pequenos”, engade o concelleiro.