Medio Natural aportará 450 metros cúbicos de area á praia fluvial do Lérez e levará a cabo un zafarrancho de limpeza e desinfección en profundidade

21
  • A Concellería destinará uns 46.000 euros á posta a punto do areal urbano, dobrando as quendas de limpeza diaria dos baños e activando o servizo de socorrismo a partir do 27 de xuño
  • O departamento que dirixe Iván Puentes agarda que o balizamento perimetral poida instalarse a vindeira semana e aproveitará as obras para tapar as redes antiherbas e retirar tubaxes rotas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural realizará un aporte de 450 metros cúbicos de area na praia fluvial do Lérez e levará a cabo un zafarrancho de limpeza, sega, poda e desinfección en profundidade nos vindeiros días. Estas obras forman parte do paquete de dotacións e actuacións destinadas a poñer en marcha e adaptar o areal urbano á nova normalidade, que suporán un investimento global duns 46.000 euros e que incluirán o balizamento perimetral da zona de baño con boias, a cobertura das redes que serven de malla antiherbas, a retirada de tubaxes rotas e a posta en marcha do servizo de socorrismo a partir do día 27 de xuño.

Estas medidas foron avanzadas polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, tras unha visita para supervisar sobre o terreo as necesidades existentes, na que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o enxeñeiro Luis Navarro, da empresa EC Casas, que se encargará de efectuar o aporte de area cun orzamento que ronda os 15.000 euros. Puentes explicou que a adaptación do areal ás medidas hixiénico sanitarias establecidas na Orde SND/414/2020 levou ao seu departamento “a dobrar o número de veces ao día que a firma Ferrovial Servicios SA efectuará a limpeza e desinfección dos baños, pasando de dúas a catro”. “Destinaremos 9.000 euros, no lugar dos 5.000 que tiñamos previstos inicialmente, para que Ferrovial manteña o areal e os baños en perfectas condicións de hixiene. Ademais de recoller o lixo na zona de solario e no merendeiro -apuntou- os operarios da empresa baleirarán as papeleiras diariamente, reporán o material e acondicionarán, desinfectarán e limparán a caseta dos aseos catro veces ao día”.

O edil do PSOE agarda que a empresa Estelas SLU proceda a vindeira semana á instalación das balizas que delimitarán a zona de baño, unha vez substituídas as boias e cordas que sufriran danos polo impacto de tronos e pólas durante as crecidas. O contrato coa firma especializada supuxo un investimento de 3.582 euros e inclúe a reposición do material degradado e a mellora da fixación desta liña de balizamento que abrangue uns 70 metros.

Socorristas ata o 31 de agosto

Unha das partidas máis importantes deste plan de posta a punto da praia fluvial do Lérez (de 18.123,53 euros), irá destinada á contratación do servizo de socorrismo entre o 27 de xuño e o 31 de agosto. Dous profesionais da empresa Transgalicia SL encargaranse de velar pola seguridade dos bañistas. “Entre o 27 e o 30 de xuño -sinala Iván Puentes- contaremos cun socorrista de luns a domingo en horario de 12.30 a 20.30 horas e, do 1 de xullo ao 31 de agosto, prestarán servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16.30 e as 20.30 horas e un de luns a domingo entre as 12.30 e as 16.30 horas”.

Deste xeito, redobrarase a vixilancia durante as tardes das xornadas laborais, cando se produce unha maior afluencia de xente, garantíndose a presenza de cando menos un socorrista tódolos días da semana en horario continuado de 12.30 a 20.30 horas. Tal e como apuntou Iván Puentes, aínda que a Orde SND/414/2020 outórgalle aos concellos a posibilidade de establecer limitacións de acceso e aforo e límites de permanencia, “trátase de opcións que non se barallan polo momento para a praia do Lérez, xa que se trata dun areal no que non hai afluencias masivas e sempre existe espazo de sobra para asegurar a distancia interpersoal de dous metros entre bañistas”.

Puentes aproveitou a visita á zona de baño para concretar algunhas actuacións de mellora, como retirada de pezas rotas dunha tubaxe de desaugadoiro, a cobertura da malla antiherbas na área próxima ao peirao (farase co novo aporte de area) e a substitución do cartel coa clasificación sanitaria da auga.