Pontevedra completa os 15 km de paseo peonil contínuo entre Bora e Lourizán

34
  • O Concello vén de encargar un proxecto para reformular toda a circulación peonil no treito comprendido entre a ponte do Burgo e a ponte dos Tirantes
  • Demetrio Gómez cualificou esta actuación como “a peza que falta” para recuperar a fronte marítimo-fluvial de Pontevedra e o skyline desa parte da cidade

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, vén de anunciar que o Concello xa ten encargado “o proxecto para a rehabilitación integral da última peza que nos falta na fronte do río para termos un itinerario peonil e ciclista completo, que vaia desde Ponte Bora ata o barrio do Cabo, en Lourizán”.  Esta “última peza” trátase do treito comprendido entre a ponte do Burgo e a ponte dos Tirantes, que sería o tramo que quedaría pendente toda vez que se execute a actuación prevista para continuar o paseo marítimo pola beira da ría ata Marín (convén lembrar que esta obra está xa adxudicada).

“Falamos de que toda a fronte marítimo-fluvial de Pontevedra, que ten agora mesmo ao redor de 15 ou 16 quilómetros, vai quedar con accesibilidade peonil completa, polo que estamos a falar dun proxecto que a fin de contas se converte na clave de bóveda deste paseo” asegurou Demetrio Gómez. Ademais, sinalou que este paseo peonil contínuo reforza o “traballo que se leva facendo ao longo dos últimos 20 anos de recuperación da relación de Pontevedra co seu río, para que os pontevedreses e pontevedresas poidamos vivir mirando ao noso río e atravesando o noso río”.

Explicou que o proxecto lle foi encargado ao arquitecto de Pontevedra, Amador Rey, que conta con 4 meses para a súa redacción polo que estaría listo despois do verán. Tamén adiantou que o proxecto debe dar solución a unha serie de problemas de accesibilidade peonil tanto na circulación lonxitudinal como na transversal. 

Na circulación peonil lonxitudinal citou que é preciso solventar as dificultades existentes actualmente en puntos como a ponte dos Tirantes e a rotonda de entrada a esta ponte; a propia ponte de Santiago que neste momento non se pode cruzar lonxitudinalmente; a zona comprendida entre a parte de atrás do Mercado e a praza de Valentín García Escudero, e o tramo diante do CEIP Manuel Vidal Portela. 

En canto á circulación peonil transversal, os puntos que actualmente presentan máis problemas de accesibilidade serían o cruce que sae da rúa Padre Gaite con elementos de enxeñería e arquitectónicos que non se poden mover, o que implica un traballo complexo para solucionalo; e o punto por onde máis pontevedreses e pontevedresas cruzan o río Lérez,  que é o cruzamento ao que sae a rúa Padre Amoedo cara a ponte de Santiago, un punto sen preferencia peonil na actualidade e que precisa dunha actuación neste sentido. Un terceiro punto sería o acceso á ponte do Burgo, xa que neste momento está solucionado o acceso a esta ponte polo barrio do Burgo, e quedarí pendente completar o acceso pola beira esquerda do río Lérez.

Recuperar o skyline da cidade

Esta actuación leva aparellada a recuperación do skyline desa parte da cidade. En palabras do concelleiro de Obras “recuperar esa visión de Pontevedra, recuperar toda esa posibilidade de observar diferentes elementos arquitectónicos que teñen un extraordinario valor e que ademais lle dan carácter ao noso río, vai ser tamén un traballo moi importante”. Unha visión que xa adiantou que se reforzará “cun estudo importante da luz e o traballo que fagamos co alumeado.”

Sobre os elementos arquitectónicos desta zona da cidade, Demetrio Gómez salientou a circunstancia de que se poden contemplar dous exemplos de arquitectura racionalista “que é difícil de atopar xuntos en ningún punto do mundo”.  O primeiro é o actual CEIP Manuel Vidal Portela, a antiga Escola de Maxisterio, que responde á escola racionalista de evolución europea; mentres que o segundo son os edificios de Tafisa, que responden á evolución da escola racionalista de arquitectura en América.

Por último, Demetrio Gómez asegurou que con esta actuación “podemos fachendear en Pontevedra de que imos ter toda a fronte do río tratada, que é algo que probablemente non o poida dicir case ningún concello de todos os que nos rodean”.