A Concellería de Benestar Social refórzase coa convocatoria dunha praza de traballador/a social

69
  • O BOE publicou o pasado 6 de xuño o anuncio da convocatoria, abrindo o prazo para que as persoas interesadas e coa titulación requirida poidan presentarse ao proceso selectivo

Despois de que a Concellería de Benestar Social completase os trámites administrativos preceptivos, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o pasado 6 de xuño o anuncio da convocatoria para prover unha praza de traballador/a social mediante o sistema de oposición libre, abrindo un prazo de 20 días naturais para que as persoas interesadas e que cumpran os requisitos (entre eles o de estar en posesión do título de diplomado en Traballo Social ou graduado nunha titulación equivalente da rama das Ciencias Sociais e Xurídicas) poidan presentar as súas solicitudes para participar no proceso selectivo.

Trátase dunha praza de nova creación dentro do Servizo de Benestar Social, recollida dentro do acordo acadado polo Goberno bipartito para aprobación dos Orzamentos do Concello de Pontevedra do ano 2019. Tal e como sinala a concelleira responsable da área, a socialista Paloma Castro, a incorporación deste traballador/a social “reforza o compromiso deste departamento na vertebración da sociedade pontevedresa, mellorando as ratios de inclusión e, en consecuencia, axudando a evitar situacións de exclusión social”.

Castro agarda que o proceso selectivo, que consistirá na realización de probas de coñecemento teórico-prácticas que acrediten a capacidade dos aspirantes, poida celebrarse “despois do verán”. En virtude das bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 12 de marzo, a oposición incluirá nun primeiro exercicio escrito, obrigatorio e eliminatorio, cun cuestionario tipo test de 60 preguntas; un segundo exercicio, tamén escrito, obrigatorio e eliminatorio, consistente en desenvolver, no prazo máximo de tres horas, catro temas incluídos no programa (con lectura ante o tribunal); un terceiro sobre coñecemento do idioma galego; un cuarto, tamén eliminatorio, que consistirá na redacción dun ou varios supostos prácticos relativos ás tarefas ou funcións propias dun traballador/a social, e un quinto de carácter práctico, cunha proba de coñecemento a nivel usuario do contorno operativo Windows, o manexo de ferramentas de ofimática (LibreOffice) e de utilidades elementais de internet en dito contorno (navegación, correo electrónico, etc.).

A concelleira de Benestar Social considera que a creación desta praza de traballador/a “contribuirá a fortalecer a asistencia prestada por un Servizo que conta actualmente con nove traballadoras sociais de zona (dúas delas asignadas ao barrio de Monte Porreiro); unha responsable de coordinación; unha traballadora do Plan de Inclusión; unha da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), e dúas adicadas a reforzar aquelas áreas nas que existe acumulación de tarefas”.

“A Xunta fai exercicios de escapismo e amnesia en materia de servizos sociais”

Paloma Castro amósase moi crítica co “pasotismo” e os “auténticos exercicios de escapismo e amnesia” que a Xunta está a amosar á hora de asumir as súas competencias en materia de servizos sociais e de atender aos sectores máis vulnerables da sociedade “precisamente cando máis se precisan dos seus investimentos”. A concelleira demándalle ao Executivo ‘popular’ que aumente o financiamento das prazas de traballadora social, “xa que se produciu un notable incremento da carga laboral e os concellos, ao seren a administración máis próxima ao cidadán, estamos a afrontar con recursos propios responsabilidades que son exclusivas do Goberno autonómico”.

“Feijóo segue a tratar os servizos sociais coa mesma ausencia de ética e lóxica especuladora que a sanidade ou a educación. O PP ‘pasa’ olimpicamente da defensa dos dereitos sociais e tenta encubrir a súa falta de xestión con obras de caridade”, sostén Castro.