A plataforma #PonteLovers inicia o reparto de 4.000 guías de protección contra a Covid-19 entre os locais comerciais e de hostalería de Pontevedra

21
  • Os folletos da Concellería de Promoción Económica, protagonizados polo robot Sentidiño, recollen as principais medidas sobre uso de mascarillas, lavado de mans e prevención e saúde laboral

A plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, iniciará hoxe a distribución de 4.000 guías de protección contra a Covid-19 entre os establecementos comerciais e de hostalería da cidade. Os folletos, protagonizados polo robot Sentidiño, compilan en 12 páxinas e cunha linguaxe sinxela as principais medidas de prevención e recomendacións hixiénico sanitarias que deben cumprir os propietarios, empregados e clientes dos negocios.

Tras respostar preguntas básicas como que é o coronavirus, como se propaga e cales son os síntomas máis comúns, as guías (que lembran o teléfono de consulta: 900 40 01 16) fan unha escolma de normas a seguir antes de ir ao traballo e nos desprazamentos laborais, as medidas para protexerse con sentidiño da nova Covid-19, as probabilidades de contaxio, o uso correcto das mascarillas, a forma correcta de lavar as mans, a organización da actividade comercial, o mantemento da distancia de seguridade e o respecto das medidas hixiénicas. 

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, con esta distribución de guías completarase a acción de apoio ao comercio iniciada nas pasadas semanas co reparto de 2.000 carteis da campaña ‘Sentidiño fronte a Covid-19’ en tamaño A3 e de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade. “O robot Sentidiño volve ser o protagonista das guías, contribuíndo a divulgar e lembrar as normas de protección dun xeito ameno. Ao igual que aconteceu co resto de material, os folletos teñen un carácter gratuíto e serán entregados porta a porta entre os establecementos”, apuntou a edil socialista.

Blanco indicou que o principal obxectivo dos folletos “é o de expoñer de xeito resumido, concreto e fácil de entender toda esa marea de normas e recomendacións remitidas polas distintas administracións”, facendo que a mensaxe chegue con claridade e sen confusións aos responsables dos negocios e aos seus clientes. Trátase unha vez máis de material que será de gran utilidade para as pemes e o comercio de proximidade e que, de non financiar a Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers, os propietarios terían que adquirir por si mesmos.