Tino Fernández acusa á Xunta de “boicotear” a organización das ludotecas de verán en Pontevedra

41
  • O concelleiro e a Fanpa denuncian que a Xefatura Territorial de Educación non decidirá “ata a última semana de xuño” se o programa, que comezaría o 1 de xullo, se pode ou non realizar
  • O edil de Educación amosa o seu malestar ante as trabas que o PP está a presentar para o emprego dos centros educativos e afirma que “se hai un ano no que é necesario facer ludotecas, é este”

O esforzo da Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) para elaborar un protocolo de prevención contra a Covid-19 e permitir que o de Pontevedra sexa un dos poucos concellos do contorno nos que se poidan celebrar ludotecas de verán está ser “boicoteado e torpedeado polas constantes trabas e a incerteza que transmite a Xunta”. Así o denuncia o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, ao que a propia Fanpa lle transmitiu o seu malestar polo feito de que o Goberno ‘popular’ non vaia comunicar “ata a última semana de xuño, cando remate o estado de alarma, a súa decisión sobre se o programa se pode ou non desenvolver”.

Para o edil socialista, “resulta bochornoso que o PP non só protagonice unha auténtica deixazón de funcións nunha materia tan esencial como a Educación, senón que tamén se adique agora a poñer paus nas rodas da Fanpa para impedir que se celebren as ludotecas”. “O período de matrícula, que xa se tivo que atrasar, comezará o vindeiro luns 8 de xuño, mentres que o inicio do programa está previsto para o 1 de xullo. Manter a incerteza sobre a súa celebración ata a última semana de xuño equivale a deixar á comunidade educativa completamente tirada e abandonada á súa sorte. A Feijóo impórtalle a conciliación familiar o mesmo que a Educación e a Sanidade”, subliña Fernández.

Tal e como sinala o presidente da Fanpa, Roxelio Carballo, esta non é a única traba que a Xunta lle puxo a un programa “que é agora máis imprescindible que nunca”: a Xefatura Territorial de Educación obrigou este ano a convocar os consellos escolares dos centros educativos para que ratifiquen por escrito o permiso para a cesión dos seus espazos, “unha autorización que sempre viñan dando directamente as direccións e as comunidades educativas”. Na súa opinión, a Administración autonómica debería poñer enriba da mesa outras solucións “para poder facer esta cesión de espazos sen necesidade de prolongar tanto no tempo esta situación, condicionando a realización das ludotecas á situación sanitaria no mes de xullo ou impoñendo as condicións de limpeza e prevención que considere oportunas”. 

“O que non pode ser -asegura- é que nós recibamos a confirmación de espazos máis aló do 1 de xullo, que é cando comeza a actividade. Iso podería obrigar a pechar algunhas ludotecas ou incluso a cancelar o programa de verán”.

“Que deixen de xogar coa conciliación de máis de 2.000 familias”

Tino Fernández admite sentirse “mesmo persoalmente enfadado con esta situación”, xa que “o señor Feijóo fala moito de fomentar a conciliación e logo o único que fai o seu Goberno é poñer trabas para que esta conciliación poida levarse adiante”. Segundo apunta, “estamos a falar dunhas ludotecas que teñen unha longa tradición en Pontevedra e que dan posibilidade de conciliación a máis de 2.000 familias (máis de 2.800 nenas e nenos pasan por elas tódolos anos durante o verán), e de repente a Consellería de Educación aparece esixindo unha serie de requisitos e prazos que poñen en perigo a súa posible celebración”. 

“Pídolles que aclaren se están ou non a favor da conciliación e das familias, porque non paran de mandar mensaxes contraditorias que a min, como persoa e como concelleiro de Educación, me molestan e enfadan. Isto non é nada serio. Parece unha broma de mal gusto que vai afectar a máis de 2.000 familias de Pontevedra. Se non queren conciliar que nolo digan e que llo digan aos veciños de Pontevedra, pero que o digan claramente. Que deixen de xogar”, sostén o tenente de alcalde.