O Pavillón Multiúsos da Xunqueira pecha as súas portas como albergue tras máis de oito semanas ofrecendo teito ás persoas sen fogar

70
  • A maioría dos usuarios foron derivados aos albergues de Calor e Café e Cáritas. Nalgúns casos, Benestar Social e as oenegué contactaron coas familias ou achegados e Cruz Vermella encargouse de pagarlles a viaxe de regreso aos lugares de orixe

Despois de que os traballadores de Cruz Vermella acabasen de desinstalar a trintena de camastros que ocuparon as instalacións durante a pandemia da Covid-19, o Pavillón Multiúsos da Xunqueira pechou hoxe as súas portas como albergue despois de máis de oito semanas ofrecendo teito aos máis vulnerables e ás persoas sen fogar. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Paloma Castro, que se achegou a última hora da mañá ata o lugar para supervisar as últimas tarefas de recollida de material, asegura que “a meirande parte dos usuarios foron derivados aos albergues de Calor e Café e Cáritas”, séndolle asignada unha traballadora social para “seguir os seus casos e aproveitar os avances acadados neste período no que atinxe á adquisición de determinadas rutinas de hixiene e coidado persoal”.

A edil do PSOE, que estivo acompañada por Patricia González, coordinadora dos dous albergues postos en funcionamento con motivo da crise sanitaria (o de Raíña da Paz, en Salcedo, e este do Multiúsos), indicou que, nalgúns casos, unha vez que as profesionais do seu departamento e das oenegué se puxeran en contacto con familiares, parentes próximos ou achegados dos usuarios, Cruz Vermella se encargou de pagarlles os billetes de transporte público “para retornar ás súas cidades de orixe”. “A algunha persoa -engade Castro- concedéuselle a Renda Social Municipal, de xeito que poderá reiniciar a súa vida compartindo piso ou nalgunha pensión”.

A socialista afirma que a Concellería de Benestar Social “non quere desaproveitar o bo labor que se desenvolveu durante estas semanas”, polo que non só non vai permitir “que ninguén se quede na rúa”, senón que seguirá cada un dos casos polo miúdo e “realizará cursos de formación laboral con varios dos usuarios”.

Paloma Castro lembra que o Concello dispuxo deste servizo de albergue para persoas sen teito practicamente dende o inicio do confinamento e que ambas instalacións chegaron a hospedar a unhas 45 persoas sen fogar durante o estado de alarma. Co peche da infraestrutura asistencial de Raíña da Paz, o do Multiúsos da Xunqueira pasou de ter unha media de 15 usuarios diarios a completar o seu aforo ata as 30 camas que tiña habilitadas ata hoxe.

A edil de Benestar Social aplaudiu “o encomiable labor desempeñado polos traballadores do Concello, Cruz Vermella, Cáritas e Calor e Café para que os albergues funcionaran sen incidencias e cuns resultados tremendamente satisfactorios”.