Medio Natural dota dunha moderna iluminación o treito da senda dos Gafos que discorre por A Pontenova

25
  • A empresa Setga instalou catro luminarias de alto rendemento nesa zona da desembocadura. A Concellería que dirixe Iván Puentes destinou unha achega de 4.267,83 euros a esta actuación
  • O Servizo de Medio Ambiente consignou case 6.000 euros para que a asociación ecoloxista Vaipolorío poida realizar o mantemento do tramo rural do sendeiro do ENIL do río dos Gafos

A empresa especializada Setga SL acaba de rematar os traballos para dotar dunha moderna iluminación un treito da senda fluvial do río dos Gafos que discorre por A Pontenova, na desembocadura do afluente. Trátase dunha actuación moi demandada tanto polos usuarios do sendeiro como pola veciñanza da zona, á que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou unha achega económica de 4.267,83 euros e que permitirá que a cidadanía poida desfrutar deste fermoso contorno en condicións de seguridade durante tódalas horas do día.

A intervención traduciuse na instalación de catro luminarias modelo Celtika de corpo de aluminio anodizado, sistema de disipación térmica e 24 LED de alto rendemento, que respostan a criterios de precisión, eficacia e estabilidade óptica. Unha delas colocouse nunha columna troncónica duns catro metros de altura, de sección circular e construída en aceiro ao carbono; outra nun poste preexistente, e outras dúas sobre a fachada dun inmoble ancoradas con brazos de aceiro.

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, os traballos de canalización e instalación das novas luminarias (cun tubo de polietileno nunha zanxa de 0,60 metros de profundidade por 0,40 metros de ancho) “respostan aos máximos estándares de calidade e fiabilidade no alumeado público”. “Asemade, o modelo de luminarias empregado é o resultado dun proceso industrial altamente sostible, caracterizado pola capacidade de reciclaxe e optimización dos materiais empregados, o que garante a súa completa reutilización por parte doutras industrias nun futuro”, sinala Puentes.

Tal e como apuntou o edil socialista, o Servizo Municipal de Medio Ambiente tamén destinou unha achega de case 6.000 euros para que a asociación ecoloxista Vaipolorío poida desenvolver o servizo de mantemento do treito rural do sendeiro do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) do río dos Gafos.